Dende que en 2019 arrancase o que se coñece como a revolución dos podcast, estas ferramentas téñense convertido nun elemento de uso habitual no sector da comunicación, do entretemento ou da publicidade. Pero máis aló destes campos, os podcast presentan tamén importantes potencialidades para o mundo da educación e da divulgación científica. Para amosar as posibilidades deste tipo de contidos, a Área de Innovación Educación da UVigo pon en marcha un curso formativo para o profesorado sobre deseño e creación de podcast educativos.
O curso, de 20:00 horas de duración, impartirase a través da plataforma Moovi entre o 14 de novembro e o 14 de decembro en modalidade virtual asíncrona e o período de matrícula está aberto dende esta semana ata o 4 de novembro.
Do guión á distribución
O curso, que impartirá o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, xunto coa docente da Universidade da Coruña, Teresa Piñeiro, está orientado a descubrir e comprender as potencialidades do podcast como ferramenta educativa. Ao longo das catro semanas de docencia, as e os participantes aprenderán a facer un guión, gravar os audios e montar e editar o seu propio podcast para compartir en servizos de distribución de podcasts ou nas ferramentas de teledocencia (Moodle, blog...).
O programa do curso comprende un primeiro módulo no que se realizará unha aproximación ao concepto de podcast, no que tamén se abordará o emprego de podcast no eido educativo, na comunicación institucional e na divulgación científica. As e os asistentes tamén coñecerán as tipoloxías de podcast educativos e diversos exemplos de podcasting no ensino universitario. O segundo módulo centrarase no de deseño de podcast educativos e nas posibilidades de integración deste tipo de contidos no deseño didáctico dunha materia. Neste bloque abordarán as diferentes etapas da creación, dende a planificación, a estrutura e o guión, ata as técnicas de escribir para escoitar.
Xa no terceiro bloque temático centraranse nas ferramentas de gravación de audio, no proceso de gravación e nas ferramentas de edición, como Audacity ou Garageband & Anchor. Finalmente, a última parte do curso centrarase na distribución dos podcast, dende os diferentes repositorios ata o proceso de subir e distribuír podcast nestas plataformas ou integralos en Moodle.