Aprender os segredos da fotografía na natureza á vez que paseamos polos roteiros á beira do río. A concellería de Mocidade de Ponteareas organiza esta fin de semana, o sábado 26 e o domingo 27, unha saída á natureza organizada como curso fotográfico itinerante para á mocidade.
O obradoiro de fotografía na natureza promoverá os desprazamentos a pé provocando o encontro con recunchos descoñecidos para a mocidade. “O obxectivo, ademais de didáctico e de entretemento, é que a mocidade coñeza a fondo a súa vila, sentíndoa súa e facéndose responsable de que perdure intacta no tempo”, explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.
A actividade desenvolverase o sábado de 9:30 a 14:00 horas e domingo de 10:00 a 14:00 horas. O punto de encontro será a Moscadeira. Para poder participar haberá que inscribirse no número de teléfono 672 105 468 ou na oficina da OMIX situada na biblioteca municipal.