Redeiras, a sede da UVigo na cidade olívica, empápase de ciencia mariña e arte

Publicidad

Xurdido en pleno confinamento para atender a demanda das familias que buscaban en internet material didáctico, como láminas para colorear, para as nenas e os nenos, o proxecto Scientists meet Artists presenta esta tarde á sociedade o material elaborado ao longo dun ano, desta volta en forma de calendario para o 2022. Unha ducia de científicos e científicas do Campus do Mar, pertencentes ás universidades de Santiago, Minho e Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía, xunto con outros tantos artistas crearon man a man 12 láminas interactivas sobre o medio mariño destinadas a nenos e nenas e ás súas familias, nas que ciencia e arte se mesturan para achegar á sociedade o medio mariño e os seus segredos.

No evento Comunicar o Océano que se celebra a partir das 18.00 horas no edificio Redeiras de O Berbés, “entregarase material informativo adicional en forma de calendario conmemorativo da actividade. Os propios artistas colorearon as láminas orixinais, unha para cada mes do ano, acentuando aínda máis as diferenzas nos seus estilos creativos, nunha acción extraordinariamente xenerosa. O calendario contén unha breve reseña do científico e do artista que creou a lámina, á que se pode acceder para descargala a través de códigos QR”, explica Daniel Rey, director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo. Rey, será xunto ás vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais e Investigación, Mónica Valderrama e Belén Rubio, o encargado de presentar o acto, no que a técnica de I+D+i da UVigo- Campus do Mar, Noelia Estévez, presentará os detalles do proxecto, e que se completa cun faladoiro, titulado Comunicado o océano coas participantes en Scientists meet Artists. O evento rematará cunha entrega de agasallos ás persoas asistentes.

Daniel Rey, director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo

Balance positivo dun proxecto que explora a súa continuidade

O proxecto no que científicas e artistas traballaron de xeito coordinado para xerar alternativas similares, pero ao tempo, afastadas da ilustración científica tradicional, ao tempo que servise para impulsar un mellor coñecemento de mares e océanos, o que se coñece como alfabetización oceánica (ocean literacy) da sociedade, amosa, segundo Daniel Rey, un balance claramente positivo. “O balance é extraordinariamente positivo, tanto profesionalmente, como pola posibilidade que abriu para as familias para sentarse xuntos á calor dunha lámina, non só para colorear, senón tamén para falar e responder ás sempre enxeñosas preguntas dos nenos mentres colorean”, explica o director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo.

En relación cunha posible continuidade do proxecto, Rey confirma que é unha previsión que se quere explorar continuando coa celebración de máis eventos e “o que é máis desexable, estendéndoo a outras artes, como música, vídeo ou artes urbanas. Para isto, no evento de hoxe tamén se debaterá o impacto cos e coas representantes das partes interesadas: artistas, científicos e científicas e familias coa finalidade de facer balance do impacto acadado ata este momento”, detalla Rey.

Salir de la versión móvil