Redeiras, a sede da UVigo no Berbés, Premio Aproin 2020 á mellor actuación non residencial

Publicidad

As obras de rehabilitación efectuadas no espazo ocupado orixinalmente por tres vivendas de pescadores para convertelas na sede institucional da UVigo no Berbés, valéronlle ao edificio Redeiras o Premio Aproin 2020 á mellor actuación non residencial. A Asociación de Promotores Inmobiliarios de la Provincia de Pontevedra (Aproin) entregaba nas últimas horas os seus galardóns, que este ano acadaron a 26ª edición, nun acto celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, que presidiu Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

En nome do reitor, Manuel Reigosa, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, recolleu o galardón que recoñece, segundo o xurado, as obras de rehabilitación efectuadas na sede institucional da UVigo da ribeira do Berbés, cuxa execución lle foi encargada á empresa Arias Construcciones, coa dirección dos arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso. “O marabilloso desta obra é a súa relación intensa coa realidade histórica da cidade, desde a súa localización ata o seu nome, Redeiras, co que quixemos espertar a lembranza das mulleres do noso mar e homenaxear o seu traballo invisible”, dixo Valderrama, que lembrou que os traballos de rehabilitación e construción se prolongaron durante catro anos e medio, nos que se investiron tres millóns de euros.

Invitación a coñecer o inmoble e agradecementos

Na súa intervención en nome do reitor, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais lembrou que na sede institucional da Universidade de Vigo xa están operativos dous servizos (SIE e ORI), ademais de acoller exposicións, seminarios e roldas de prensa. “Convidámosvos a visitar este edificio, o primeiro inmoble público en altura construído en España cunha estrutura de madeira contralaminada: unha obra cun impacto ambiental mínimo, que amosa o compromiso firme da nosa institución coa sostibilidade”, explicou Valderrama, que felicitou ás promotoras de todos os edificios premiados nesta edición dos galardóns outorgados por Aproin.

“No nome do noso reitor, é un verdadeiro pracer agradecer a Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra establecer este recoñecemento ao papel da arquitectura no progreso da provincia. Grazas tamén ao xurado, encabezado polo noso exreitor Luis Espada, que decidiu concedernos un galardón que pertence a toda a comunidade universitaria e con ela queremos compartilo”, dixo Valderrama.

Salir de la versión móvil