A Praza do Concello de Redondela acolleu, na mañá de hoxe, a presentación dos Premios Andaina que todos os anos outorga a Asociación Andaina de persoas con diversidade funcional de Redondela e que, por primeira vez, recoñecerán o “traballo e compromiso” do comercio, hostalaría, pequena empresa e entidades á hora de establecer boas prácticas no mundo socio-laboral das persoas con diversidade funcional.
No acto de presentación desta iniciativa social participaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o presidente de Andaina, Antonio García; a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa e o director da oficina de CaixaBank en Redondela, Ricardo Otero.
Os premios, que todos os anos recoñecían o traballo que asociacións e colectivos realizaban a prol da integración das persoas con diversidade funcional dan, tal e como explicaba o presidente de Andaina “un paso máis” ao incluír nos mesmos o traballo, compromiso e labor que realicen o comercio, hostalaría, pequena empresa e entidades no referente á inclusión de boas prácticas en materia de inclusión socio-laboral das persoas diversidade funcional.
“Non só se premia a accesibilidade arquitectónica –explicaba Antonio García– senón que tamén se haberá galardóns para a accesibilidade cognitiva, integración laboral amais de premio para as entidades culturais e deportivas”. A maiores, seleccionarase unha persoa con diversidade funcional que “teña destacado en calquera ámbito polos seus logros, esforzo ou méritos” e na gala de entrega dos premios que terá lugar a finais de ano, “porase en valor o seu mérito dando a coñecer o seu traballo e buscando espazos onde dar visibilidade as súas capacidades”, explicaba o presidente de Andaina.
Aos Premios Andaina, cuxas bases faranse públicas esta vindeira semana, poderán presentarse todos os proxectos desenvolvidos dende o 1 de xaneiro e o prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 30 de xuño. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou na súa intervención o traballo “incansable e imprescindible” que desenvolve a Asociación Andaina “coa que sempre estamos e estaremos dispostos a colaborar en todo o que nos soliciten” xa que, engadía a rexedora local “dende o Goberno local, sempre apostamos por todas aquelas iniciativas que contribúan a integración das persoas con diversidade funcional”.
“Os Premios Andaina son, non só un recoñecemento para as persoas e colectivos galardoados, senón un premio para a propia asociación que traballa arreo a prol da integración social e laboral destas persoas o que se traduce nunha maior calidade de vida para elas e as súas familias”.