Trinta e cinco palabras lle abondaron a Silvia Camesella, veciña de Nigrán, para facerse co primeiro premio do concurso de micro-relatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal, entidades que amosaron a súa satisfacción pola alta participación rexistrada e a calidade dos textos recibidos.
Baixo o título de “Odio as mans frías”, a colaboradora de Metropolitano.gal logrou o primeiro premio do xurado do certame.
O xurado, composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Helena Villar Janeiro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a poeta, editora e membro do comité de redacción de Luzes Dores Tembrás, avaliou os case 400 relatos de ata 200 palabras que participaron no concurso convocado no marco dunha campaña para proxectar o galego en Internet.
Héctor Cajaraville Araújo (Santiago de Compostela) foi recoñecido co segundo premio por “O milagre” e Ceres Serea Manso Acuña (Nigrán) conseguiu un terceiro premio con “Cousas que pasan”. Outros dous terceiros premios son para dous menores de idade: Nee Barros Fernández (Marín), de 15 anos, por “Desexo concedido”, e Teo Alonso Vidal (Vigo), de tan só 10 anos, por “Unha hora”.
Os cinco gañadores impuxéronse nunha listaxe de 14 finalistas que completan “As liñas das túas mans”, “As verbas perdidas”, “Clase media 2.0”, “Babel II”, “Espiritismo”, “Lección de xeografía”, “Se non tivese medo”, “Ratos” e “A derrota”.