Últimos días para solicitar algún dos 43 postos de traballo no Concello de Ponteareas

Publicidad

O Concello de Ponteareas informa que ata o venres día 22 de marzo estará aberto o prazo para presentar na oficina de emprego a documentación de acceso aos 43 postos de traballo que se ofertan dentro do “Plan Concellos” no que o concello e a Deputación de Pontevedra destinan máis de 600.000 euros á contratación de persoas desempregadas.

As persoas interesadas deberán trasladar á oficina de emprego local o códido CNA do posto de traballo ao que queren optar. Os contratos serán a xornada completa e cunha duración de entre 7,5 e 10 meses segundo as necesidades dos servizos e os salarios que recibirán os contratados serán iguais aos dos traballadores do Concello.

A través dun “proceso de transparencia e igualdade de oportunidades”, o INEM realizará unha preselección que facilitará ao concello para que o tribunal formado por empregados públicos realice a entrevista e proba práctica, se procede, ás persoas previamente seleccionadas polo INEM. Na vindeira semana o concello fará pública a data da entrevista e proba práctica.

Con estas contratacións o Concello busca “reforzar” servizos como medioambiente e desbroces, oficina técnica, vías e obras, administración, educación infantil, limpeza, turismo, residencia de maiores, escola infantil e servizos sociais.

Na selección terán preferencia as vítimas de violencia de xénero, persoas maiores de 45 anos, persoas con familiar monoparental con fillos a cargo, persoas con niveis de renda máis baixa e persoas con cargas familiares.

Este é o cuarto exercicio do Plan Concellos que, desde o 2016, permitiu contratar en Ponteareas a 150 persoas desempregadas, destinando para ese fin case 1,5 millóns de euros. O pasado ano por vez primeira o concello aportou 100.000 euros e neste ano 2019 a súa achega alcanza os 330.000 euros, o que permite acadar a axuda máxima da Deputación e o máximo de contratos posíbeis.

Salir de la versión móvil