O goberno de Vigo vén de validar a convocatoria de selección de candidatos para cubrir os 3 postos de capataces de construción, 41 oficiais, 35 peóns de construción e 22 de xardinería e forestal, dous auxiliares administrativos, un delineante, un auxiliar topógrafo e outro técnico en prevención de riscos laborais.
Segundo explicou Abel Caballero esta mañana, a convocatoria prima aos colectivos "máis vulnerables" na contratación dos peóns, reservando un mínimo dun 3% do total a persoas con discapacidade, o 30% para menores de 30 anos e a mesma porcentaxe para mulleres. O 19% dos postos serán ocupados por maiores de 45 anos e o 18%, por parados de longa duración.
Abel Caballero puxo en valor un plan de emprego que, ademais de xerar traballo, terá un retorno na cidade en forma de obras. Entre estas, a construción de beirarrúas no rural, a rehabilitación de lavadoiros municipais, a limpeza de maleza e cunetas, melloras nos parques de Castrelos e do Castro, a supresión de barreiras arquitectónicas, instalacións de sistemas de rego automático e numerosas actuacións nos colexios da cidade.
Nesta segunda quenda do programa, o Concello contratará a máis dun centenar de profesionais cun orzamento de case 750.000 euros, dentro do proxecto "Vigo Vertical", estratexia EDUSI, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. Vigo Emprega, engadida a primeira parte, presenta unha contía de millón e medio de euros para a contratación de máis de 200 persoas.
Como optar a estas prazas?
Os interesados poderán obter máis información sobre esta convocatoria no correo electrónico util.oficina@vigo.org e no 986 263 068.