Baiona celebrou o pasado sábado unha nova edición da Subida á Groba. 160 corredores completaron esta dura proba ciclista organizada polo Concello de Baiona e que superou os 200 participantes. Juan Luis López de Guereñu e Laura González Goce proclamáronse campións desta novena edición na que a última hora tamén incorporouse á liña de saída a ciclista Cinthya Coto Elizondo, do equipo de apoio do aventureiro Antonio de la Rosa, que visitou este venres Baiona durante a súa Volta á Península Ibérica en PaddelSurf.
As condicións meteorolóxicas acompañaron este sábado para non facer aínda máis complicada a xa de por si exixente Subida á Groba. A chuvia parou a tempo para que os corredores enfilaran o ascenso dende a saída neutralizada do Pavillón Municipal, que incluía unha volta de quentamento ata a rotonda de Baredo, pero a espesa néboa acompañounos durante gran parte do trazado.
Os 11 quilómetros de percorrido, cun desnivel de 620 metros e unha porcentaxe media de 5,6%, puxeron a proba a resistencia dos participantes dende os primeiros metros.
Na liña de meta, Juan Luis López Guereñu marcou un tempo de 32’29’’, tan só catro segundos por diante de Carlos Gómez Barciela e seis segundos por debaixo de Jorge Mera Álvarez. En categoría feminina, Laura González Goce completou a subida en 44’18’’, seguida de Cinthya Coto Elizondo e Belén Gándara Pereira. Mario García Ontiyuelo foi campión da categoría Baiona Masculino e María Cazorla Torrado, na de Baiona Feminino.
A Subida Á Groba crece ano a ano
“Con respecto ao ano anterior aumentamos un 10% os participantes e esperamos que con pequenas modificacións consigamos asentar o evento no calendario deportivo do Concello de Baiona”, afirmou a concelleira de Deportes, María Jesús Martíns.
A IX Subida á Groba contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do seu programa Galicia Saudable, de Valmiñor TV, Villarosa, Frutas María Vilar, Asociación Deportiva Socalcos, Sportpasion, Tramo Libre, Ecocubic, Axa Seguros, Eroski, A Caixa, Coca Cola, Peña Moteros Val Miñor, Club Ciclista Monte Boi. Efectivos de Protección Civil, Policía Local e operarios de Vías e Obras tamén colaboraron na organización da proba.