Onte xoves remataba na praia de Somo, en Cantabria, o primeiro Campionato de España Universitario de Surf e os resultados foron magníficos para a Universidade de Vigo. Os tres deportistas que representaban á institución olívica acadaron unha medalla de bronce e un quinto e un sexto posto.
A proba estivo organizada pola Universidad Europea del Atlántico na localidade cántabra de Ribamontán al Mar e supuxo a estrea do surf no calendario do deporte universitario en España. En total, participaron 40 deportistas, tres deles da Universidade de Vigo, nas modalidades de surf e parasurf, nas especialidades de surf, body board e longboard. A estudante do Grao en Comercio Mara Sanmarco logrou unha medalla de bronce en surf, nunha proba dominada pola canaria Lilias Tebbai e na que a outra representante de Vigo, Uxía Misa, alumna do Grao en Educación Primaria, obtiña o quinto posto. A expedición viguesa completábaa Antón de San Ildefonso, do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (inglés), que nunha proba de altísimo nivel lograba o sexto posto na clasificación de surf.
Aínda que inicialmente a competición estraba prevista para celebrarse entre os días 24 e 26, as condicións climatolóxicas obrigaron a adiantala un día, de modo que comezou o martes e rematou onte xoves, pero a falta de ondas marcou o desenvolvemento destas dúas xornadas de competición.
Dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade destacan os “magníficos” resultados obtidos polo equipo adestrado por Derick Rey, e agradecen tamén a colaboración da Federación Galega de Surf e de Prado Surf Escola, “ que nos asesoraron e guiaron nesta primeira edición dun CEU Surf”.