Tras acadar un amplo palmarés en campionatos mundiais e europeos, Susana Rodríguez Gacio converteuse neste 2021 na primeira española en competir en dúas disciplinas nuns Xogos Paralímpicos, o triatlón, no que conseguiu a medalla de ouro, e os 1500 metros de atletismo. Tamén no presente ano, a piragüista Teresa Portela convertíase en Tokio na primeira muller en competir en seis edicións dos Xogos Olímpicos, acadando unha medalla de prata que se sumaba a un extenso tamén palmarés en campionatos mundiais e europeos. Mais, alén da excelencia deportiva, Rodríguez Gacio e Portela comparten o feito de terse formado na Facultade de Fisioterapia, que este luns lles rendeu homenaxe cun acto que se viu precedido polo descubrimento das dúas placas polas que as aulas 1 e 2 deste centro pasan a denominarse, respectivamente, Aula Susana Rodríguez Gacio e Aula Teresa Portela Rivas.
Este cambio de denominación recóllese no acordo adoptado o pasado mes de outubro pola Xunta de Facultade, ao que deu lectura a secretaria académica, Rocío Abalo, no inicio dun acto presidido polo reitor, Manuel Reigosa, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e a decana, Eva María Lantarón. “Hoxe é un día moi emotivo para a facultade”, recoñeceu Lantarón, que definiu ás egresadas como un “claro exemplo de disciplina, seriedade, constancia, tenacidade, perseveranza e modestia”, valores que a facultade consideraba necesario “pór en valor”, co propósito de que sirvan ao alumnado “como referentes para establecer as súas metas”. Nese mesmo senso, o reitor definiu a Portela e Rodríguez Gacio como “un exemplo maxistral de esforzo e excelencia” e de como a combinación de ambas permite “acadar os maiores logros”, nun acto ao que tamén asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os vicerreitores do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.
Dúas referentes que ven na outra un “exemplo a seguir”
Licenciada tamén en Medicina, Rodríguez Gacio trasladou as súas verbas de agradecemento “á que foi a miña primeira facultade, a miña primeira experiencia universitaria, o lugar onde coñecín persoas que hoxe son dos meus mellores amigos”. Na súa intervención, a medalla de ouro en maratón na clase PTVI para persoas con deficiencia visual, lembrou a súa etapa como alumna de Fisioterapia, entre 2006 e 2009, “como un pleno exemplo de inclusión na educación universitaria”, á vez que se amosou “feliz de compartir” recoñecemento con Portela. “Foi desde o principio o meu exemplo a seguir no deporte galego”, salientou. Nese mesmo senso, Portela lembrou a Rodríguez Gacio “as viaxes que facíamos” desde o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ás aulas da facultade, para logo definila como “todo un exemplo a seguir, como deportista e como persoa”.
“É un pracer incrible que apareza o meu nome nunha das aulas nas que cursaba materias”, sinalou Portela, quen puxo de relevo a importancia que para ela tiña formarse academicamente, algo que, lembrou, é compatible con ser deportista de elite. “Significa unha constancia e un traballo diario, pero é posible”, engadiu a piragüista, que nese senso trasladou o seu desexo de que no futuro saian destas aulas “estudantes que consigan grandes éxitos, como fisioterapeutas, como deportistas ou como o que queiran ser na vida”. Nese mesmo senso, Rodríguez Gacio incidiu no positivo de actos como este, “nos que se unen educación é deporte”, xa que isto implica “unir valores” e pór de relevo “que seguir á vez unha carreira deportiva e universitaria é posible”. De feito, a atleta expresou o seu desexo de volver á facultade como alumna, unha vez se poña en marcha o Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, “que para moitos fisioterapeutas e para min como médico sería un luxo poder cursar na nosa Universidade”.
Dúas traxectorias que deixar como exemplo
“Supoño que vai ser difícil seguir clases nunha aula que leva o teu nome”, respondeulle Manuel Reigosa, nunha intervención na que lembrou a “aposta” da institución académica porque Fisioterapia poida contar cun mestrado o vindeiro curso, ao que posteriormente se poida sumar tamén un doutoramento, que contribúa “a que ese talento que chegue as nosas aulas nos permita máis cedo que tarde contar con novo profesorado”. Previamente, o reitor puxo de relevo a importancia de render unha homenaxe, “máis merecida imposible”, a dúas mulleres “que combinaron os estudos e deporte”, xa que a través do seu exemplo “en realidade estamos homenaxeando a propia institución, aquelo que queremos ser e queremos que sexa, non só a Universidade, senón tamén a sociedade”. De aí que Reigosa manifestase o seu desexo de que os novos nomes destas aulas “sirvan para que todos as alumnos saiban que o esforzo leva ao éxito, que non hai éxito sen traballo e que ademais é posible sobreporse a todas as dificultades”.
“Demostraron ferventemente que todo se pode conseguir se pos empeño”, engadiu Lantarón, que lembrou ás protagonistas desta homenaxe que “cada estudante que pasa por esta facultade sabe que esta é a súa casa para o resto da súa vida”. Nese mesmo senso, Lete trasladou ás dúas deportistas a súa convicción de que “estes non serán os vosos últimos títulos, nin no ámbito académico, nin no deportivo”, lembrando nese senso como Rodríguez Gacio, que recentemente foi portada da revista Time, recibe nesta mesma xornada a medalla de ouro de Vigo, así como a extensa traxectoria de Portela “que xa empezou a súa carreira” para as olimpíadas de París como capitana do equipo español de K4 que se prepara en Pontevedra.