A Praza do Concello de Salceda de Caselas acolleu este xoves a presentación da IV Xtrema Soutelo, unha proba absoluta cronometrada composta de un percorrido de 9 quilómetros que se celebrará o vindeiro 1 de xullo na parroquia de Soutelo. No acto estiveron presentes as concelleiras Loli Castiñeira e Carla Pérez, que arrouparon aos representantes da organización, así como aos representantes de diversas empresas colaboradoras e patrocinadoras.
Tras o éxito acadado nas pasadas edicións, esta proba consolídase con importantes probas cada vez máis atractivas e espectaculares. Trátase dunha proba de atletismo con obstáculos naturais e artificiais, que transcorre polos montes comunais da parroquia de Soutelo.
A proba, unha das primeiras destas características na provincia de Pontevedra, completou as 350 prazas dispoñibles tan só uns días despois de abrir as inscricións, con xente que chegará de toda a xeografía galega e portuguesa.
Fran Morais, membro da organización, agradeceu esta mañá a implicación do Concello e demais entidades e empresas colaboradoras “sen as cales sería totalmente imposible sacar adiante este evento”. Así mesmo, dende a organización quixeron agradecer o traballo das máis de cincuenta persoas voluntarias que traballarán arreo para que o evento volva ser un éxito como nos pasados anos.
Loli Castiñeira aproveitou a ocasión para felicitar aos veciños e veciñas de Soutelo pola súa capacidade de unión e de levar a cabo estes proxectos. "Coa unión dos distintos sectores, Soutelo sempre demostrou estar preparada para iniciativas de interese para veciños e visitantes".