As augas de Vigo acollen a Bandeira Concello de Vigo

Publicidad

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo segundo tenente de alcalde, David Regades, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, desexou "boa sorte" ao Club Remo Coruxo, representado polo seu presidente, Darío Fernández, e polo seu adestrador, David Serodio, para a XXVI Bandeira Concello de Vigo de traiñeiras que se celebrará este domingo 8 de xullo en O Vao (12:00 horas).

Once tripulacións de toda Galicia, entre as que se inclúe a embarcación de Coruxo, e unha de Asturias (Castropol) pelexarán polo triunfo en tres quendas de catro traiñeiras. A proba é a cuarta do calendario 2018 da División A na Liga Galega de Traiñeiras. o CR Coruxo, que este ano pelexa pola permanencia -perdeu nove remeiros-, milita na categoría dende 2015, á que ascendeu no verán de 2014.

Samertolameu manda no palmarés (doce bandeiras), defende a vitoria de 2017 e no que vai de campionato chega como líder. O Coruxo ondeouna no 2014, cando era Liga B, e tamén en 2016, xa en División A.

Caballero interesouse pola competición e recoñeceulle ao Club de Remo Coruxo "o enorme esforzo que require o voso deporte; sei o duro que é", dixo. Ademais colleu a bandeira que se entrega ao campión, coas cores da cidade. "Coidade esta bandeira", pediu o rexedor a directivo e técnico.

O obxectivo do Club de Remo Coruxo este ano é evitar a praza de descenso directo á Liga B e a penúltima posicións, que obriga a disputa dunha promoción. "Son ciclos", explicou o presidente.

A Bandeira Concello de Vigo pon en xogo 9.000 euros en premios en metálico. Dende 2011 a organización da proba pertence ao Club de Remo Coruxo e a ponte de Toralla e a praia do Vao son o escenario das quendas.

O resto de equipos que participarán na Bandeira Concello de Vigo serán Samertolameu, Puebla, Castropol, Bueu, Mecos, Chapela, Amegrove, Vilaxoán, Mera, Ares e Rianxo.

Salir de la versión móvil