O Bádminton, deporte de masas esta fin de semana en Ponteareas

Publicidad

O Pavillón Álvaro Pino de Ponteareas acollerá esta fin de semana o Campionato Zonal Escolar Secundaria de Bádminton no que participarán máis dun centenar de deportistas. A cita, na que os participantes foron seleccionados de entre máis de mil en idade escolar ao longo de varias xornadas deportivas de bádminton entre distintos centros educativos de secundaria da comarca, celebrarase este domingo, 4 de marzo, entre as 9:30 e as 14:00 horas.

Coa celebración destas xornadas, o Club Bádminton Ponteareas busca incentivar que pequenos e pequenas  vexan o bádminton como unha diversión e un xeito de pasar o tempo xogando. Unha afección que permite ademais o “bo desenvolvemento físico e mental”, segundo explicaron en roda de prensa.

Os clasificados neste campionato pasarán a participar no Campionato Escolar Zonal Condado Paradanta Baixo Miño que se celebrará o vindeiro 6 de maio. As xornadas con estes escolares consistirán en ensinarlles un pouco máis deste deporte a través de charlas, vídeos, exhibicións e partidos.

“Este é o momento ideal para que os afeccionados ao bádminton e ao deporte en xeral se acheguen a desfrutar no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas, en calquera das nosas escolas en Arbo, Mondariz, Covelo, A Cañiza, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas ou en calquera dos torneos marcados na axenda da tempada”, explica o presidente do Club, Víctor Lemos.

Pola súa parte, durante a presentación da proba, o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, animou “a todos os veciños a que se acheguen ás instalacións municipais para que vexan in situ un deporte que pouco a pouco está gañando adeptos na nosa vila e na nosa comarca”.

O Campionato conta co apoio do Concello de Ponteareas en colaboración co Servizo Provincial de Deportes, dependente da Xunta de Galicia, e coa Asociación Deportiva Escolar do Condado e do Concello de Ponteareas. O club agradece tamén a axuda prestada pola Asociación Deportiva Escolar do Condado e A Paradanta (ADECONPAR) así como a todos os profesores de educación física dos centros escolares e institutos que estiveron involucrados neste programa escolar.

Salir de la versión móvil