Da elección da cidadanía depende o tipo de actividades que se organicen de forma conxunta nos municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira ao longo do ano 2018. Ao abeiro da segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, os veciños e veciñas das dúas localidades terán ata o vindeiro 20 de febreiro para escoller tres proxectos de entre os oito presentados por parceiros de ambos os dous lados do Miño, dous deles dentro da categoría de Deporte e Lecer. A golpe de click e en tan soamente nuns minutos poderán decidir se tomiñeses e cerveirenses desfrutarán este ano do BTT&Trail Running ou dos deportes náuticos.
Dous proxectos a elixir
Nesta categoría, os cidadáns Isaac da Cuña e Gilberto Fagundes son os promotores da proposta de BTT&Trail Running en Cerveira e Tomiño, unha iniciativa que conta como parceiro tamén ao grupo Cervo Goián Bike. Esta proposta parte da idea empregada nas estacións de esquí, onde fóra da época de inverno se crean pistas aptas para ciclistas para a práctica de modalidades con varios niveis de dificultade. Neste caso a idea é manter os carrís existentes no monte da Señora da Encarnação e do Niño do Corvo en Goián, creando unha pista ‘pump track’ económica en terra batida para o adestramento de manobras e técnicas deportivas, “evitando os camiños clandestinos pouco seguros en terreos baldíos”.
Cun investimento de 7.000 euros, esta iniciativa propón a limpeza dos camiños existentes ou a creación de alternativas con diferentes niveis de dificultade, a creación de regras de uso deste parque para todos os públicos e a invitación de atletas nacionais que realicen exhibicións ou cursos prácticos de orientación e regras básicas de seguridade nesta práctica deportiva.
Pola súa banda, a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade presentou xunto coa Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira un proxecto para fomentar o deporte náutico entre os mozos e mozas, facendo especial fincapé naqueles grupos de rapaces e rapazas en risco de exclusión social, fomentando o lecer inclusivo e saudable e a divulgación da modalidade do remo aproveitando o encadramento paisaxístico e os recursos naturais do río Miño.
Esta iniciativa, que precisaría dun orzamento de 7.000 euros, propón desenvolver coloquios informativos sobre deportes náuticos inclusivos dirixidos á mocidade e a persoas con discapacidade, levar esta actividade deportiva ás escolas e sinalizar o río Miño e o campo de regaras, así como tamén organizar xornadas de actividades náuticas no propio río.
Como votar?
Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Soamente é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar.
Que é o Orzamento Participativo Transfronteirizo?
O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerviera, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, e que busca implicar á poboación de ambos os dous municipios na procura de solucións para necesidades comúns.