O Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu organizan este domingo, 14 de xaneiro, o V Trail de Cela, unha iniciativa deportiva que combinará unha andaina de 18 quilómetros e un trail de 24 quilómetros. As inscricións pecharon o pasado xoves cun total de 166 participantes no trail, e 132 na andaina, segundo os datos recollidos polo Club Corredoiras. Precisamente, o presidente e vicepresidente do Club, Ricardo Verde e Carlos Soage, estiveron na rolda de prensa de presentación da proba acompañados do concelleiro de deportes bueués, Manolo Otero.
Os participantes sairán ás 10:00 horas dende a zona do Igrexario de Cela e percorrerán o mesmo circuíto que o ano pasado, atravesando os lugares de Beluso, O Río, Casal, Barraca, con subida ao río Frade, a Cruz de Ermelo, baixada á serra de Coiro, Paralaia e volta ata Cela. No caso da andaina, o traxecto será só ata Ermelo e volta.
Segundo destacaron os presentes, existirán tres postos de avituallamento espallados ao longo do percorrido da proba: dous de líquidos á altura do quilómetro 6 e 11, e outro de líquido - sólido ao remate. Ademais existirán duchas no colexio do CEIP A Torre de Cela, que cede as instalacións para esta proba.
As categorías están divididas en absoluta, de entre 18 e 44 anos de idade, e veterán, de 45 anos en diante. Deles entregaranse trofeos para os tres primeiros clasificados tanto en categoría masculina como feminina, e na andaina, trofeos para os tres primeiros clasificados sen distinción de sexo. Ademais haberá un premio para os dous primeiros locais, que son os homes ou mulleres que cheguen antes á meta e que sexan da localidade de Bueu.