Depo Desafío: cinco probas de deporte extremo que terás que superar

Publicidad

A Deputación de Pontevedra vén de presentar esta mañá un novidoso formato de proba deportiva, o Depo Desafío 2018. Entre xullo e outubro, sete concellos da provincia acollerán a celebración de cinco probas de deportes extremos que estarán, en palabras da presidenta provincial, Carmela Silva, “cheas de experiencias, de emocións, e en contornas naturais de grande beleza”.

O “Depo Desafío” enmárcase no Plan Estratéxico de Deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan cinco probas diferentes que van dende a carreira a pé, ata a travesía a nado en mar, o tríatlon, a carreira en bicicleta de montaña BTT e o trail.

A primeira das probas do “Depo Desafío” terá lugar o 22 de xullo entre os concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda e consistirá nunha carreira a pé á beira do Miño, nun percorrido de 21 quilómetros e 97 metros que rematará aos pes do monte de Santa Trega.

O segundo desafío levarase a cabo o 12 de agosto e consistirá nunha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e A Illa da Toxa.

Pola súa banda, tamén en agosto, terá lugar a terceira proba do “Depo Desafío” que estará centrada no trail polo concello da Cañiza. Para esta terceira proba, as e os participantes deberán calzar zapatillas de trekking e prepararse para subidas e baixadas continuas a través dun percorrido de 15 quilómetros con espectaculares vistas.

A cuarta cita será o 16 de setembro e consistirá nunha BTT polo concello de Cerdedo-Cotobade a través de 35 quilómetros no que as e os participantes terán que sortear múltiples escollos ata chegar á liña de meta.

A última das probas será o 7 de outubro no concello de Vigo, na praia de Samil, e consistirá nun tríatlon na modalidade distancia sprint con 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira.

Como participar?

En total, admitiranse un máximo de 300 participantes e terá un custo de 30 euros por persoa, que inclúe a participación en todas as probas, que terán categoría masculina e feminina.

As inscricións están abertas dende o 8 de maio ao 2 de xullo e poden formalizarse a través da web da Deputación.

En cada unha das cinco probas haberá un gañador e unha gañadora que obterán un trofeo. Sen embargo, soamente gañarán o “Depo Desafío” a muller e o home que finalicen polo menos 4 probas e consigan os máximos puntos. Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón Berlín, que inclúe voo e aloxamento para el/ela e acompañantes.

Salir de la versión móvil