Este venres, o IES As Barxas de Moaña acolleu a xa tradicional Gala do Deporte moañés, que este ano estreaba un novo premio centrado na igualdade. O Pirata Fútbol Sala foi o club gañador desta nova mención especial para as entidades que promoven a igualdade neste ámbito. Foi a gran novidade nun evento que durou hora e media nun ambiente "áxil" e que estreaba novos decorados con respecto a edicións anteriores.
Na categoría de mellor deportista masculino o premiado foi o xogador celeste Iago Aspas. O internacional español non puido finalmente estar presente ao ter que xogar unhas horas despois en Balaídos fronte ao Eibar (Sábado, 24, 13:00 horas). Os encargados de recoller o premio foron a súa moza Jennifer Rueda e o seu fillo, Thiago Aspas.
Pola súa parte, no apartado feminino, a gañadora foi a patinadora Marina Oliveras Argibay, que milita no Club Freestyle Slalom Vigo.
Manuel Paz Romero (Taekwondo Hebe) foi o gañador do mellor deportista promesa masculino, mentres que Tania Castiñeira Etcheverría (Taekwondo Hebe) recibiu o premio na categoría feminina. O mellor equipo de Moaña neste pasado ano foi o Equipo Júnior S.D. Tirán (feminino) e o Trío Júnior Técnica Hebe (masculino).
O Balonmán Moaña fíxose co premio á mellor entidade deportiva mentres que no mellor equipo promesa masculino o galardón recaeu no Trío Júnior Técnica (Taekwondo HEBE) e o promesa feminino foi para o S.D. Tirán Júnior Feminino. Pola súa parte, o Balonmán Moaña Sénior gañou o premio ao mellor equipo senior masculino e o S.D.Samertolameu Sénior fixo o propio no apartado feminino. Por último, no mellor equipo veterano foron galardoados o Máster Combate Hebe (Taekwondo HEBE) -na categoría masculina- e o Atletismo Samertolameu -na feminina-.
Tatiana Rivas Fervenza (Taekwondo Hebe) e Jacobo Ríos Cortegoso (Taekwondo Hebe) recibiron o recoñecemento ao mellor deportista veterán feminina e masculino, respectivamente. Noelia Pérez Estévez (Taekwondo Hebe) foi declarada a mellor adestrador ou adestradora.
Por último, Jesús Corbacho Martínez (S.D. Samertolameu) recibiu a mención de honra e as distincións en atletismo foron para Rosa Ana Santos Ríos; en baloncesto para David Villar Durán; en balonmán, Raúl Manuel Martínez; en ciclismo, Sergio Brun; en fútbol, Ana Buceta; en remo, Jacobo Gayo Ríos; en Taekwondo, Myriam García e en tiro á chave, Vicente Verdeal.
A gala, dirixida por Abraham Martínez, contou coa presenza da alcaldesa, Leticia Santos, a concelleira de promoción económica, Coral Ríos, o concelleiro de Cultura, Salvador Meira, así como diferentes membros da corporación e outras autoridades.