Non estar sería un escándalo. Iago Aspas volverá a vestir a camiseta de España. A estrela do Celta de Vigo celebra o Día das Letras Galegas recibindo de novo a chamada de Luis Enrique. O técnico asturiano amosa a súa confianza no vixente máximo goleador nacional de LaLiga a pesar de que estivo case tres meses parado por culpa dunha lesión, problemas físicos que lle impediron ao dianteiro morracense estar na última lista de España.
Iago Aspas, que competirá nun posto do ataque xunto ao canteirán céltico Rodrigo e co madrileño Álvaro Morata, rematará a tempada futbolística máis tarde do habitual. O moañés participará nos dous compromisos que a Selección disputará para a fase da clasificación para a Eurocopa 2020 ante Islas Feroe a domicilio (7 de xuño ás 20:45 horas) e fronte a Suecia no Santiago Bernabéu (10 de xuño ás 20:45 horas).
O atacante do Morrazo acaba de ser elixido mellor futbolista de LaLiga no mes de abril. O seu retorno ante o Villarreal supuxo un punto de inflexión na marcha do Celta. Os goles e a influencia de Iago Aspas remataron por consolidar, por se aínda había escépticos, ao moañés como un dos grandes xogadores do campionato. O celtismo tamén premiou ao “dez” celeste como o “MVP” do Celta no mes de abril.
Iago Aspas compartirá vestiario na Selección para eses dous encontros ante Islas Feroe e Suecia con De Gea, Pau López, Kepa, Sergi Roberto, Carvajal, Sergio Ramos, Íñigo Martínez, Jesús Navas, Diego Llorente, Mario Hermoso, Gayá, Jordi Alba, Cazorla, Dani Parejo, Rodri, Sergio Busquets, Fabián, Oyarzabal, Rodrigo, Morata, Mario Asensio e Isco.