Máis de 350 remeiros farán da Regata Miño Internacional 2020 unha edición de récord

Publicidad
Imaxe do Facebook do Club Remo do Miño de Tui

A Regata do Miño Internacional rexistrará este ano un récord de participación na celebración da súa corenta edición. Congregará a máis de 350 remeiros e remeiras pertencentes a 16 clubs de España e Portugal. Esta proba está organizada polo Club Remo do Miño coa colaboración do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Remo.

A proba que se celebrará este sábado é a primeira proba con carácter anual que se celebra no calendario deportivo da cidade. A XL Regata Miño Internacional contará con 56 barcos que competirán en 8 con temoeiro, 4 Scull e 8 con temoneiro veterano tanto nas categoría masculina coma feminina.

Están inscritos seis clubs galegos: o Remo do Miño e o Remo Tui, o Club Mar de Noia, o Club Remo Vigo, o Ría de Marín, e o San Felipe. Competirán nove clubs portugueses: Académica de Coimbra, ADCJC Cerveira Remo, Sporting Clube Caminhense, Clube Naval Infante Don Henrique, Real Clube Fluvial Portuense, Galitos de Aveiro, Ginásio de Figueira da Foz, Viana Remadores do Lima e Sport Club do Porto. Tamén participará o club Mixto Málaga-Sevilla.

A regata máis numerosa será a do Catro Scull Masculino con 16 embarcacións, seguida do Catro Scull Feminino con 15 barcos. Haberá 13 barcos en competición en Oito con temoneiro masculino e 4 en feminino. Por último serán 8 as embarcacións que participen no Oito Veterano Masculino.

A saída está prevista ás 11:30 horas dende Currás, en Tomiño, para completar unha distancia de 6 quilómetros até a liña de meta situada fronte á rúa Olímpicos Tudenses en Tui. A entrega de premios realizarase ás 13:00 horas.

Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño e que participou coma remeiro na primeira edición da regata, destacou durante a presentación do evento o feito de que a presenza de remeiros e remeiras está case igualada. Outro dos puntos destacados é a presenza de catro deportistas olímpicos nesta competición.

Salir de la versión móvil