O campo municipal do Pardellas foi testemuña hoxe dun encontro deportivo e social no que máis de cen apaixoados do balón desputaron un torneo amistoso cun único premio final, a riqueza da interculturalidade.
A escola de fútbol MS2 que dirixe o afamado futbolista Michel Salgado acolleu con ilusión a proposta do concello de Ponteareas de celebrar un encontro no que os alumnos da vila e da prestixiosa escola puideran coñecerse e compartir a súa afección polo fútbol.
Deste xeito, esta mañá o campo do Pardellas acolleu un torneo de fútbol no que participaron as categorías prebenxamín, benxamín e infantil da escola MS2, da Sociedade Deportiva Ponteareas e do Vila do Corpus. Futbolistas procedentes de Francia, Ponteareas, Portugal, Qatar, Rusia, Exipto e Xapón tomaron o campo dispostos a ofrecer un espectáculo cheo de deportividade.
O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agardan que esta primeira experiencia sente as bases para novas colaboracións coa escola de fútbol de Michel Salgado que está a piques de abrir delegacións en Rusia e Xapón. A escola de fútbol MS2 adestra a futbolistas de todas as categorías en distintos países do mundo.
Neste mes de agosto o alumnado desta escola, orixinario de ata dez países diferentes, adestra cada mañá no campo ponteareán en duras xornadas que lle deixan as tardes para que coñezan os arredores e reciban as visitas do seus familiares.
O goberno de Ponteareas traspasa fronteiras e ofrece ás familias que veñen co alumnado toda a información turística para que coñezan as riquezas naturais, patrimoniais, gastronómicas e culturais de Ponteareas e da comarca que lidera.
Alcalde e concelleiro amosan a súa satisfacción pola boa disposición da escola MS2 e do propio Michel Salgado que adestra persoalmente apoiado polo seu equipo de adestradores ós seus alumnos.
Pola súa parte o futbolista Michel Salgado destaca que é un pracer poder adestrar na comarca e ter aquí a mozos de dez países diferentes convivindo nesta xornada cos deportistas de Ponteareas.