O BNG de Vigo demanda resolver as graves deficiencias do campo de fútbol de Sampaio

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda resolver as graves deficiencias do campo de fútbol de Sampaio. A fronte nacionalista reitera a denuncia polo estado de abandono desta instalación municipal, que presenta importantes danos nos valados, no material deportivo e na rede de fontanaría, entre outros.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que esta situación é produto da “evidente falla de mantemento e do total desleixo” por parte da concellaría de Deportes que dirixe Manel Fernández, a quen o pasado 24 novembro xa lle trasladou a necesidade de arranxar estas deficiencias na Comisión Informativa do Concello.

Igrexas advertiu das graves consecuencias deste deterioro, con valados do propio campo rotos e oxidados, problemas de seguridade polo risco de caída do portal de acceso, con portarías sen renovar e cun mal funcionamento da rede de fontanaría.

“Estamos diante dunha evidencia máis da falla de xestión da concellaría de Deportes e do desprezo por parte do Goberno municipal de Abel Caballero ao deporte de base da nosa cidade”, cuestionou o candidato nacionalista.

Así, o edil do BNG subliñou que o estado de abandono do campo de fútbol de Sampaio vén a sumarse ao doutras instalacións deportivas municipais, como a pista de atletismo de Balaídos ou o campo da ETEA, que seguen sen solución malia as numerosas iniciativas do Bloque.

Salir de la versión móvil