O convenio de renovación das infraestruturas deportivas de Vigo, asinado entre a Deputación e o Concello no ano 2018, afronta a súa recta final coa reforma inminente dos campos de fútbol da Guía e Fragoselo (Coruxo). Tras mobilizar un investimento total de 9,4 millóns de euros, dos que 5,5 foron achegados pola Deputación, hoxe presentáronse estas dúas últimas obras. O acto celebrouse sobre o propio terreo de xogo da Guía coa presencia da presidenta provincial, Carmela Silva e o alcalde, Abel Caballero, que estiveron acompañados polos presidentes dos clubs da Guía, Manuel Simón, e Teis, Antonio Collazo.
No caso da reforma do campo de fútbol da Guía, cun orzamento de licitación de 340.000 euros, dotarase de novo céspede artificial, farois automatizados de tecnoloxía led e nova caldeira de auga quente sanitaria de biomasa para os vestiarios. Pola súa banda, no campo de Fragoselo, cun investimento previsto de 212.000 euros, realizarase a substitución do céspede artificial. “Este campo da Guía tráeme moitas lembranzas e espértame afectos porque aquí xogou meu fillo cando era alevín e eu viña aquí a velo”, recordou Carmela Silva ao tempo que amosou sentirse “encantada de que a Deputación apoie proxectos vinculados ao deporte, porque o deporte, como sempre di o alcalde, é a grande revolución deste século”. Pola súa banda o alcalde Abel Caballero amosouse feliz de poder anunciar a reforma do campo da Guía, “un deses nos que arraiga a cidade de Vigo” e subliñou o poder vertebrador do deporte e dos clubs como “pezas esenciais na construción da cidade”.
A colaboración institucional entre o concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra permitiu xa a reforma integral dos pavillóns deportivos de Romil, Quirós e os da grada de Río de Balaídos, todos eles executados. Xunto cos catro pavillóns están xa en servizo as obras acometidas en 8 dos 10 campos de fútbol previstos: Navia, Candeán, Meixueiro, Bouza, Bouzas, Monte da Mina, As Relfas e San Andrés de Comesaña. As actuacións nas instalacións futbolísticas tiveron un custe separado de 3 millóns de euros, dos que 1,7 foron achegados pola Deputación. As obras, en función das necesidades de cada campo, consistiron na dotación de novo céspede artificial de última xeración, substitución da iluminación cun sistema automatizado de baixo consumo e reformas nos vestiarios e nas instalacións de auga quente sanitaria.
Santa Mariña e o Vao
O da Guía e o de Fragoselo non son os únicos campos que se mellorarán este verán. Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa posterior ao acto, o Concello acometerá reformas no Vao e en Santa Mariña, no primeiro por importe de 642.500 euros para dotalo de novo céspede de herba natural, mellora do drenaxe e rego, nova iluminación e un espazo de quecemento para os xogadores.
En segundo lugar, o recinto de Cabral presenta un orzamento de medio millón de euros para un novo céspede de herba artificial, un novo colector para os servizos soterrados e sistemas enerxéticos eficientes (iluminación e caldeira de biomasa). Os catro terreos de xogo nos que se actuará este verán totalizan un investimento de 1,7 millóns de euros, detallou Caballero.
Por outra banda, o goberno de Vigo traballa no proxecto de mellora das instalacións de luz e enerxía no campo de fútbol de Samil, cun orzamento estimado de 175.000 euros, e ten en estudo a segunda fase da remodelación do Carballal, por algo máis de medio millón de euros. En total, a actuación municipal neste eido supera os corenta terreos de xogo.