O equipo “Roberto Sendinho Team” proclamouse o pasado sábado campión do torneo de verán Vila de Baiona “Gran Premio Villarosa-La Caixa” disputado na praia da Ladeira cun total de 34 equipos.
O primeiro dos catro torneos que organiza o Concello de Baiona durante os meses de xullo e agosto contou con preto de 150 deportistas, 28 equipos de adultos e 6 de categoría Sub-14. O “Roberto Sendinho Team” impúxose na final ao equipo “Superbrosios”, mentres que os semifinalistas foron o “GTC” e o “Patos Beach”.
En categoría Sub-14, o gañador foi “Al agua patos”, que venceu a “Darth Vader”. Nas semifinais quedaron apeados os equipos “Los Celtas de Voley” e “Los lobos”.
Continúan durante todo agosto
O torneo celebrado o pasado sábado foi o primeiro dun total de catro que se organizan ao longo de todo o mes de agosto. A seguinte competición dos torneos de verán Vila de Baiona “Gran Premio Villarosa-La Caixa” será o XVI Palas-Praias 2x2 (categoría única adultos mixtos), cunha idade mínima de 14 anos e a celebrar o vindeiro 12 de agosto (12:00 horas) na Praia da Ribeira. Posteriormente, chegará a quenda para o XV Concurso Infantil de Pesca “Concello de Baiona”, o 18 de agosto no Porto Pesqueiro, e por último, os vindeiros 25 e 26 de agosto celebrarase o XXII Basket 3x3 no parque da Palma para as categorías mixtas Sub-12, Adultos, Veteranos e Especial.
As inscricións xa están abertas e poden formalizarse no Pavillón Municipal, a través do e-mail deportes@baiona.org ou no teléfono 986.356.558.