Este domingo, 26 de decembro de 2021, por primeria vez, tera lugar a celebración da I Carreira 5K Concello de Redondela. Trátase dunha proba deportiva e solidaria, organizada pola Concellería de Deportes, co patrocinio de Rodavigo e coa colaboración da Asociación Deportiva C.A.R., que se desenvolverá nas rúas do casco urbano de Redondela.
A carreira disputarase sobre un percorrido urbano de 5 quilómetros e contará con varias categorías, tanto masculina como feminina, de Cadete, Xuvenil, Junior, Senior e Máster (A, B e C). A proba dará comezo ás 11:30 horas e, para cumprir a distancia programada, haberá que dar dúas voltas ao circuíto deseñado, unha pequena de 1.600 metros e unha grande de 3.400 metros pasando por liña de meta entre unha e outra.
Para inscribirse como participante na proba foi necesario achegar un quilo de alimentos non perecedoiros que se destinarán a Cáritas Vigo para a súa distribución entre as familias máis necesitadas de Redondela. A día de hoxe todas as prazas están esgotadas polo que, "ao éxito deportivo da proba engádase o éxito solidario da mesma", aseguran dende o concello.
A alcaldesa Digna Rivas, subliñaba que "unha vez máis, o mundo do deporte amosaba a súa cara máis solidaria" e, ao mesmo tempo, agradece o patrocinio de Rodavigo, "que non o dubida nin un só instante á hora de colaborar nas iniciativas deste Concello" e a colaboración da Asociación Deportiva CAR "que pon toda a súa experiencia na organización deste tipo de probas de atletismo o que supón unha garantía de éxito".