Redondela mellora a pista e bancadas do pavillón do CEIP Porto Cabeiro

Publicidad

O Goberno local de Redondela, a través da Concellería de Deportes que xestiona Nacho González, vén de rematar os traballos de mellora e recuperación da pista e das bancadas do pavillón do CEIP de Porto Cabeiro, instalación de titularidade municipal e que, fora das horas lectivas, é utilizado por diferentes clubs deportivos da parroquia.

Os traballos contaron cun investimento de 39.304 euros procedentes do Plan Concellos do 2019 e reafirman o compromiso do Concello co deporte en todas as súas disciplinas. "Para isto é preciso contar con instalacións axeitadas e dotadas dos materiais máis innovadores que garantan as mellores condicións para a práctica deportiva e a comodidade para o público asistente”, explican dende o Goberno local.

Seguindo ese criterio de utilizar materiais innovadores, para a recuperación da pista do pavillón do CEIP Porto-Cabeiro, utilizouse o Game-Fix Skating, un revestimento que pola súa calidade e alta resistencia é utilizado para a práctica da patinaxe e que, polo tanto sofre, un menor desgaste coa práctica de calquera outra actividade deportiva. Este tipo de piso está especialmente recomendado para a súa utilización en instalacións deportivas públicas ou de centros de ensino.

Amais da súa resistencia, este piso ofrece unha superficie continua e sen xuntas polo que, á hora da práctica deportiva, redúcese o risco de lesións ao permitir xiros rápidos sen bloquear o pe das e dos deportistas e aliviando as cargas musculares que se lle transmiten.

Nese sentido, o concelleiro de Deportes, Nacho González, sinalaba a importancia non só de arranxar o piso dun pavillón que presentaba bastantes deficiencias, “senón de facelo con materiais que contribúan a garantir a seguridade de todas as persoas usuarias”.

No que as bancadas fai referencia, foron dotadas de 300 asentos de material plástico de alta durabilidade de cara a mellorar as condicións de comodidade do público asistente aos distintos eventos.

Salir de la versión móvil