O Porto Pesqueiro de Baiona acollerá este venres a tradicional regata de gamelas, que cumpre xa tres décadas, como pistoletazo de saída para as Festas da Anunciada 2017 que organiza durante toda a fin de semana o Concello de Baiona.
Un total de 17 embarcacións, doce masculinas e cinco femininas, participarán este ano no Gran Premio Eurored-Vigo, unha proba na que de novo parten como favoritas as gamelas de Baiona (Liébanas), Tui (Rodríguez-Ribeiro e Asensio-González) e A Guarda (Alonso), esta últimos co campión de Europa de Remoergómetro.
O campo de regatas estará instalado xunto ao Porto Pesqueiro e as probas clasificatorias comezarán a partir das 17:30 horas, mentres que as finais serán ás 19:00 horas (feminina) e ás 19:30 horas (masculina). A entrega de premios está prevista para as oito da tarde e posteriormente haberá unha gran festa de final de regata con paella e concerto.
Os premios en metálico irán dende os 300 euros para as parellas gañadoras ata os 200 para os segundos clasificados e 100 para os terceiros.
A historia da regata de gamelas
A regata de gamelas, embarcacións pesqueiras tradicionais do porto de Baiona, comezou a celebrarse a finais da década dos anos 80 e ao longo dos últimos 30 anos os dominadores foron os remeiros de Baiona, Tui e Portugal, aínda que no palmarés tamén figuran parellas de Moaña, Bueu, Nigrán, Chapela, A Guarda, Redondela ou A Pobra do Caramiñal.
Na anterior edición, os gañadores foron José Riveiro e Sandro Rodríguez, ambos de Tui, e Nuria Rodríguez Asensio e María Cristina González, tamén da cidade tudense.
A competición está organizada polas concellerías de Deportes e Actividades Marítimas e conta tamén coa colaboración de Portos de Galicia, Eurored Vigo, Estación Marítima de Baiona, Monte Real Club de Yates, Coca-Cola, Confraría de Pescadores "La Anunciada", Baitra, Paradores, Baionatv.com, Protección Civil, María Vilas e Puerto Deportivo de Baiona.