Probar novas condicións de traballo, compartir pista con deportistas de alto nivel, coñecer xente e lugares novos e mesmo “escapar un pouco do frío que fai nesta época en Galicia”. Estes son algúns dos motivos polos que o piragüista tomiñés Roi Rodríguez Huertas está a participar nun campamento de adestramentos en altitude na pista olímpica de Ciudad de México. Durante un mes, o deportista do Club Kayak Tudense probarase na capital mexicana a 2.240 metros de altitude “onde a cantidade de osíxeno é menor respecto á do nivel do mar. Estas condicións fan que sexa máis complicado respirar nos adestramentos. O corpo ten que facer un esforzo extra e comezará a fabricar máis glóbulos vermellos, os encargados de transportar o osíxeno no sangue”.
Durante catro semanas, o tomiñés adestrará na pista onde se realizaron os xogos olímpicos de México en 1968 e os mundiais de piragüismo nos anos 1974 e 1994, “un bo lugar para adestrar porque a pesar de ser inverno e de encontrarnos a unha grande altitude, a temperatura é agradable é hai unha pista na que podemos padexar, xa que noutros lugares do mundo a temperatura nesta altitude é menor de 0 grados”.
Compañeiros de gran nivel
Roi Rodríguez escapa do frío de Galicia hospedándose na casa de piragüistas mexicanos cos que o Kayak Tudense realiza un intercambio, xa que eles veñen a adestrar ao club galego noutras épocas do ano. Estes intercambios son para o galego “unha oportunidade, non só de adestrar nun país diferentes, senón de coñecer moitos lugares e xente nova”.
Para este piragüista de augas tranquilas, medalla de bronce no Campionato Europeo de Piragüismo de 2016 celebrado en Moscú en K4 500 m e dobre campión do mundo sub-23 en K1 1.000 e K4 1.000 m, este adestramento supón ademais a posibilidade de compartir pista “cun grupo de compañeiros de moito nivel”. Nel participan o seu compañeiro do Kayak Tudense Aarón Diéguez, o palista asturiano Javier Hernanz ou o equipo portugués de piragüismo, con deportistas como o medallista olímpico e campión mundial Fernando Pimenta. “Isto fai que aparte de ter unhas condicións máis duras para o corpo tamén teñamos un grupo de adestramento que nos fai esixirnos moito cada día e mellorar”, salienta Rodríguez.
Unha oportunidade
O tomiñés adestra habitualmente no seu club, en Tui, pero tamén acode ás concentracións periódicas do equipo nacional que se realizan en Asturias, Madrid ou Sevilla. “Os deportistas que competimos a nivel profesional facemos todo o posible para ter unhas condicións nos adestramentos que nos permitan mellorar”, explica. E aínda que tamén hai pista de altitude nun centro de alto rendemento en Serra Nevada, en España, Roi prefire cruzar o charco e viaxar ata México xa que “a pesar de ser inverno e de encontrarnos a grande altitude a temperatura é agradable. Ademais de adestrar en altitude tamén buscamos evitar o frío que fai na casa nestas datas”.
Roi afronta esta tempada apostando polo K1 1.000 m, categoría na que foi finalista o ano pasado, e coas vistas postas no equipo nacional: participa nun proxecto para formar a embarcación de K4 na distancia olímpica de 500 metros, pero non saberá ata abril se é un dos catro padexistas elixidos para conformar finalmente o equipo. “É un ano importante para clasificarse nunha embarcación de equipo xa que posiblemente ata os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 non se fagan cambios nos palistas que formen este ano o K4”, explica.