Salceda, capital do break dance co “Who Rules Galicia”

Publicidad

A vindeira fin de semana terá lugar en Salceda de Caselas a terceira edición do “Who Rules Galicia”, un evento internacional de break dance. Este ano o evento contará cunha numerosa participación de nenas e nenos, confirmándose como o evento con maior participación dende a súa creación. Esta cita naceu en Vigo como plataforma para que a xuventude puidese amosar as súas habilidades no que a cultura urbana se refire, e por primeira vez sae da cidade olívica para aterrar, neste caso, en Salceda de Caselas.

O “Who Rules Galicia” contará con participantes “pro” chegados dende puntos tan diversos como Madrid, Sevilla, Irún, Carolina do Norte, Venezuela ou Ecuador. Como novidade o evento contará este ano con participantes convidados, cunha longa traxectoria no break dance, e que chegarán de toda a xeografía española e portuguesa, como son Found Kid, un dos mellores Bboys de Portugal, gañador o ano pasado do Marisquiño, ou tamén Bboy Mini Joe campeón de España de Battle of the Year.

Máis dun centenar de participantes daranse cita o domingo na Praza do Concello a partir das 11:00 horas, co protagonismo para os máis cativos durante a mañá e xa para os profesionais a partir das 16:00 horas.

O evento establecerá como premios 400 euros e trofeo para o primeiro clasificado ou clasificada PRO, 200 euros e trofeo para o segundo clasificado ou clasificada PRO, 100 euros e medalla para bboy/bgirl Cypher, 50 euros e medalla para o gañador ou gañadora do concurso de Flares e medallas, trofeos e outras sorpresas para as nenas e os nenos participantes.

A organización do evento corre a cargo de Guillermo Rodrigues e Lisi Estévez, abalados por formar parte da organización do Marisquiño en Vigo.

Salir de la versión móvil