A San Silvestre de Ponteareas quere despedir o ano cunha invasión de Papás Noel

Publicidad

O ano pasado colgaron o cartel de cheo na categoría adultos e recadaron mil quilos de alimentos e produtos de limpeza e este ano o reto é superar os datos de recollida e tamén os da categoría infantil.
Con este obxectivo, Taninos Runners Ponteareas presentou, en colaboración coa concellería de Deportes e a concellería de Servizos Sociais do concello de Ponteareas, a VII San Silvestre Solidaria que terá lugar o vindeiro 31 de decembro a partir das 16:00 horas.

Unha vez máis, os organizadores queren apelar á solidariedade da cidadanía e de todos e todas as deportistas aos que convidan a participar non só nunha proba deportiva se non tamén de compromiso social aportando ao centro de reparto de alimentos de Ponteareas todas as achegas voluntarias de alimentos (tamén para celíacos) e produtos de hixiene persoal.

Vestidos para a ocasión

A organización convida a todos e todas a facer deste encontro un momento festivo e divertido no que os e as corredoras veñan vestidos con roupa de Nadal. Deste xeito os gorros de papá Noel encherán a praza e as rúas do centro urbano para destacar a importancia da solidariedade e facer máis visible o obxectivo da proba.

Para que nesta actividade poida participar toda a familia, a organización establece dúas probas. A de adultos será a partir das 17:30 horas con saída dende a Praza Maior cun percorrido urbano de cinco km e aberta a maiores de 14 anos cun límite de 750 participantes.

Os máis cativos e cativas terán a súa oportunidade ás 16:45 horas tamén na Praza Maior e estará aberta a maiores de 6 anos cun límite de 250 participantes.

As inscricións para as dúas probas poderán realizarse dende o 3 ao 29 de decembro na web: www.taninosponteareas.com. O propio día da proba non se poderán realizar inscricións.

Salir de la versión móvil