A San Silvestre Solidaria de Salceda suma a 900 participantes

Publicidad

A sétima edición da San Silvestre Solidaria de Salceda de Caselas, que se celebra este veneres, 29 de decembro, contará con máis de 900 participantes que mesturarán, diversión, deporte e solidariedade nunha cita xa habitual do Nadal salcedense.

A proba, organizada polas Escolas Deportivas e o Concello de Salceda de Caselas, terá a súa saída ás 21:30 horas dende a Praza do Concello e discorrerá por un circuíto urbano de 3 quilómetros, circuíto que, por outra banda, é totalmente accesible.

Antes da saída e, como sinala a organización “por iso de ir quentando motores”, haberá unha actividade animación con zumba para todos e todas.

A inscrición, que pode formalizarse na páxina www.edmsalceda.es, estará aberta ata as 00:00 horas do mércores 27 e, dado o carácter solidario da proba, cada participante deberá achegar un cartón de leite que será destinado ao Programa de Alimentos do Concello de Salceda.

Dende a concellería de Deportes animan a toda a cidadanía de Salceda e aos amantes das carreiras populares, “a que participen e que acudan, como é tradicional, disfrazados xa que, ademais dunha proba deportiva, é unha extraordinaria oportunidade para despedir o ano con bo humor”.

Haberá premios para o corredor e a corredora máis veloces, para o participante de maior idade e tamén para o mais novo ou nova, así como sorteo, entre todos os asistentes, de ‘packs multiaventura’. Para rematar a proba, despedir o ano e quentar o corpo, a organización agasallará a todos e todas as participantes cun chocolate quente, sen glute e sen lactosa, para que todos poidan gozalo.

Salir de la versión móvil