Unha carreira popular para coñecer e gozar dos encantos de Salceda de Caselas

Pasada edición de Corre X Salceda

Publicidad

O vindeiro domingo 5 de maio, Salceda de Caselas acollerá unha nova edición da carreira popular que cada ano percorre o municipio, organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coas Escolas Deportivas.

Baixo o nome “Corre X Salceda”, a proba servirá para que os participantes poidan coñecer os espazos naturais de Salceda, así como os diferentes tramos de sendas polos ríos Caselas, Lagoela e Landres.

Para a categoría absoluta, con saída ás 10:30 horas, as e os participantes poden elixir entre facer 5 ou 10 quilómetros. Os runners nacidos entre 2004 e 2006 terán un circuíto de 2.500 metros, 1.000 metros para os nacidos entre 2007 e 2009, 500 metros para os nacidos entre 2010 e 2012, 150 metros para a categoría “Pitufos A”, que engloba aos nenos e nenas nacidos entre 2013 e 2015, e 100 metros para os “Pitufos B”, nacidos en 2016 e 2017 . Todas as categorías realizarán a súa saída dende a Praza do Concello. Ademais, no caso das categorías inferiores, todas elas contan cun percorrido accesible para persoas con mobilidade reducida.


Te puede interesar: Así é a senda do río Landres de Salceda de Caselas


Atletas chegados dende toda a xeografía galega teñen confirmado xa a súa presenza nesta proba, que cada ano está contando con máis de 800 participantes. Para poder inscribirse pódese facer a través da páxina www.deportesalceda.gal, aboando unha cota de 7 euros para as categorías absolutas, e coa aportación de produtos de almorzo para o Programa de Alimentos Municipal no caso das categorías inferiores. Os dorsais poderanse recoller o venres 3 no Decathlon de Puxeiros, o sábado 4 no Pavillón de Deportes de Altamira e o mesmo domingo 5 no Auditorio Municipal.

As corredoras e corredores recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba, así como a opción de conseguir os trofeos que se entregarán en cada unha das categorías.

Máis de 40 persoas voluntarias garantirán o correcto desenrolo da proba baixo a dirección da Policía Local, encargándose da loxística, control de cruces, avituallamento ou entrega de dorsais. Así mesmo, o Concello conta tamén coa colaboración de diversos clubs da localidade e con persoal de Protección Civil de diversos Concellos.

A concelleira de Deportes, Carla Pérez, sinala que dende o Concello "agardamos que centos de deportistas acudan ao evento para desfrutar e coñecer do noso entorno a través dunha actividade tan saudable. Agradecemos especialmente a colaboración de Luis Manuel Rodríguez Cabaleiro, figura fundamental na organización deste evento”.

Pola súa banda, Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, apunta que o concello "acollerá unha vez máis a deportistas chegados dende todo o país" e destacou que "os nosos espazos naturais serán o mellor escenario nesta proba que, ademais de medir as forzas dos e das participantes, servirá tamén para seguir a dar a coñecer o noso Concello e, sobre todo, a enorme hospitalidade da nosa xente".

Salir de la versión móvil