UVigo Motorsport inicia a fase de fabricación do UM22, o seu primeiro monopraza autónomo

Publicidad

Despois da pasada tempada, que rematou con resultados pouco satisfactorios, a escudaría universitaria UVigo Motorsport afronta este 2022 cun equipo moi renovado, novos folgos e un obxectivo moi claro: mellorar. “Mellorar en todos os aspectos posibles para así obter os mellores resultados”. Así o resume Sara Barbeito, team líder do equipo e tamén responsable de organización e márketing, unha dobre responsabilidade que asume no seu segundo ano como membro de UVigo Motorsport.

Estudante de Enxeñaría Aeroespacial, ela é unha das sete mozas que forman parte da escudaría, entre un total de 48 membros, moitos deles de recente incorporación tras un proceso de renovación importante do equipo. E é que a pasada tempada foron moitos os membros do equipo que remataron os seus estudos, polo que son moitas as caras novas que tamén achegan novas ilusións e expectativas a este proxecto. “Estamos moi contentos con este proceso de ampliación e dos novos membros, entre os que hai moitísimo talento”, explica Barbeito, pero tamén recoñece que as mozas continúan a ser unha clara minoría xa que, “por desgraza, no mundo da enxeñaría e do automobilismo o número de mulleres segue a ser escaso”.

Este case medio cento de estudantes teñen por diante un enorme reto: deseñar, fabricar e rodar o primeiro monopraza autónomo da Universidade de Vigo. Así deberá ser xa que as bases da competición Formula Student marcaron este 2022 como o ano no que as escudarías universitarias deben presentar vehículos con estas características. Tras rematar o proceso de deseño en todos os departamentos, o equipo está xa inmerso na fase de fabricación do UM22.

O coche autónomo, a meta do equipo

De cara á posta en marcha do UM22, Sara Barbeito explica que todos os departamentos remataron xa os procesos de deseño e nas últimas semanas comezaron o proceso de fabricación do monopraza, traballando da man dos patrocinadores do equipo. A principal novidade é que a nova normativa de Formula Student require que os coches que compitan sexan autónomos, o que obriga ás escudarías a un esforzo extra para o que levan xa dous preparándose. Ata agora existía unha categoría para coches autónomos, pero a partir deste 2022, detalla a responsable do equipo, “o coche autónomo está incluido dentro das probas xerais para vehículos de combustión”, na que compite UVigo Motorsport. “As probas serán moi similares ás que se veñen realizando, e o correcto funcionamento do coche autónomo é unha sección puntuable máis dentro das competicións, polo que en caso de problemas, un fallo dos sistemas autónomos non suporía unha descualificación do equipo nin nada similar, e seguiremos contando ca precisión dos nosos pilotos para poder competir”.

No UM22 implementaranse diversas melloras que permitirán optimizar o rendemento do coche. No que respecta ao chasis, avanza Barbeito, “este ano decidimos implementar un chasis tubular, o cal nos permitirá ter unha maior seguridade no proceso de fabricación, así como acurtar os prazos para que o monopraza poida probarse ampliamente antes de viaxar ás competicións”. No ámbito electrónico, están a traballar na mellora do cableado modular do monoplaza, ademais de implementar un sistema de comunicación mediante CAN-BUS, “o cal é moi importante para os sistemas autónomos”. No resto de departamentos centráronse en mellorar a eficiencia dos diferentes sistemas do coche para obter o mellor deseño posible.

48 estudantes para un reto

Para facer posible o reto de rodar o UM22 este verán, o equipo conta con 48 estudantes de doces titulacións, sendo os de Enxeñaría Mecánica son os máis numerosos, con 11 membros, seguidos por Enxeñaría Aeroespacial, con 9 e Enxeñaría Informática con 8. Xunto con eles e elas, o equipo conta tamén con alumnado de Enxeñaría Electrónica e Automática; do dobre grao en Enxeñaría Mecánica e Electrónica e Automática; Tecnoloxía Industrial; Enxeñaría de Telecomunicación; Enxeñaría de Organización Industrial; o dobre grao en Enxeñaría Biomédica e Electrónica Industrial e Automática; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría Biomédica.

A esta renovación de persoas tamén se une unha reorganización completa da directiva. Deste xeito, avanza Barbeito, “todas as decisións, tanto a nivel xeral como dentro de cada un dos departamentos, terán un enfoque diferente que nas anteriores tempadas; no resto de aspectos organizativos manteremos case a mesma estrutura que sabemos que funciona, tanto no reparto de responsabilidades e traballo entre os diferentes cargos como entre departamentos”. Por outra banda, tamén avanzarán na mellora da comunicación interna, “tanto vertical como horizontalmente entre departamentos, e pensamos que é un cambio que está a ser moi efectivo e que achega beneficios para o traballo do equipo”. Este obxectivo tamén se aplicará á comunicación externa, tratando de “manter un contacto máis constante cos nosos patrocinadores e colaboradores e tendo un trato, se cabe, máis persoal, motivo polo cal tomamos a decisión de elaborar unha revista trimestral na cal informar dos avances e en que estamos a traballar”.

Pendentes de fixar os circuítos

O que aínda non teñen claro no equipo é en que circuítos competirán este verán. En 2021 problemas co chasis impediron que o monopraza rodase en Montmeló e outras complicacións fixeron que finalmente tamén renunciasen a correr na pista alemá de Hockenheimring. Pero isto converteuse nun punto de inflexión, como explica Barbeito, xa que “dende o día en que o equipo volveu a Vigo de Montmeló, estamos enfocados en ter un coche competitivo para as diferentes citas deste verán e xa tomamos as medidas necesarias para que non se volva a repetir a mesma situación”. Agora queda marcar un calendario, e aínda que as probas de acceso para a maioría de eventos tiveron lugar en xaneiro, as datas das carreiras vanse confirmando aos poucos. De feito, as de Formula Student Spain acaban de facerse públicas, entre o 29 de agosto e o 4 de setembro, e esa é unha competición “que sempre teremos en conta á hora de decidir a cales asistir”. Á espera de cadrar as datas e confirmalas, a responsable do equipo o que asegura é que “UVigo Motorsport competirá este verán.

Salir de la versión móvil