20 anos de estudantes sénior nas aulas da UVigo

Publicidad

En outubro de 2002, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo daba luz verde á creación das Aulas de Formación Aberta, o que hoxe en día é o Programa Universitario para Maiores (PUM). Nacía así unha iniciativa innovadora que tiña como obxectivo “ofrecer educación universitaria aos colectivos con difícil acceso á mesma e universalizar a cultura e o coñecemento “, como se recollía no Duvi o 25 de outubro dese ano. Dende entón pasaron por estas aulas nos tres campus 7700 estudantes sénior. O programa, primeiro dividido nun ciclo intensivo de tres anos e outro de especialización de dous, mantén na acualidade unha estrutura moi similar, cun ciclo intensivo e outro integrado.

O seu principal impulsor foi Antón Fernández, que naquel momento era vicerreitor de Titulacións, Posgrao e Formación Permanente. Na primeira edición eran arredor de 30 estudantes en cada campus. Dúas décadas despois son preto de 400, pero a cifra de matriculados antes da pandemia chegou a superar os 600, por exemplo no curso 2015-2016 con 635 estudantes, o con 600 no 2019-2020. “Vendo que os datos de alumnado matriculado no programa foron medrando curso a curso ata chegar a números que, no momento da súa posta en marcha, eran inimaxinables, é evidente que a saúde do programa é excelente”, destaca o seu artífice.

Para celebrar estas dúas décadas de boa saúde, nas próximas semanas terán lugar tres actos, un en cada campus. Este venres día 3 será en Pontevedra, ás 12.00h no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal. O seguinte venres, día 10, o acto terá lugar en Ourense ás 18.30 horas no edificio Xurídico-Empresarial. O acto en Vigo será o día 17, coincidindo coa graduación das novas promocións.

A formación ao longo da vida

A filosofía coa que naceu este programa hai 20 anos era clara: fomentar a formación ao longo da vida, con todas as implicacións posibles. Por unha banda, trátase de facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento persoal, cultural e académico, abrirlles portas educativas que, no seu día, non se lles abriron. Pero tamén se busca incentivar as relacións interxeracionais, que a experiencia do alumnado sénior se mesture cos coñecementos da xente nova, sen deixar de lado o crecemento humano e cultural, creando novas relacións sociais, axudándolles no proceso de adaptación aos cambios dos tempos actuais e mellorando a súa calidade de vida. Todas eses obxectivos, coinciden tanto os primeiros responsables do programa como o actual, José Luis González Cespón, están máis que conseguidos.

Para facelo posible, o programa abriuse dende o principio tanto a persoas sen titulación, que por diferentes circunstancias non puidesen acceder á educación, como a profesionais con estudos superiores que quixesen ampliar a súa formación en diferentes temáticas. Para poder adaptarse a estes dous perfís, o programa réxese por un principio de adecuación dos contidos, que se adecúan ao nivel de formación do alumnado, tratando de axustar o rigor e o valor científico dos contidos á súa capacidade de comprensión. Por outra banda, tamén se asenta no principio de personalización da aprendizaxe, de xeito que os programas das materias teñen en conta as situacións específicas de aprendizaxe das persoas ás que van dirixidos e sobre o principio de integración académica e sociocultural, completándose as clases con actividades de carácter sociocultural.

Todo isto estivo sempre presente no equipo que puxo en marcha o programa, da man de Antón Fernández. Como lembra Pedro Membiela, que o sucedeu como vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, “dende o principio Antón lle quixo dar unha visión ampla, unha vertente cultural, con materias que, máis aló da formación específica, permitisen aprender sobre aspectos que lles interesan ás persoas maiores en eidos como o dereito, as novas tecnoloxías, a lingua, a historia, o medio ambiente ou a saúde”. Todo aquel equipo inicial era, recorda Membiela, “xente moi animosa e moi implicada, con especial querencia por este proxecto”.

Botando a vista atrás, Antón Fernández destaca que sempre creu “na necesidade e nos beneficios das interrelacións xeracionais”, pero nos seus inicios non imaxinaba que na Universidade de Vigo o PUM acadaría o número de matriculados cos que conta actualmente. “Coñecer eses datos debe facer sentir orgulloso a calquera membro da comunidade universitaria e, por suposto, a min que, naquel momento, tiven a responsabilidade de poñer a andar o programa”.

A clave: querer aprender e querer ensinar

Para Pedro Membiela, que actualmente segue colaborando co PUM dende o mestrado en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos, é que todas as persoas que forman parte do programa “son moi interesadas, no bo sentido da palabra”. É dicir, “os estudantes non se matriculan pola necesidade de obter un título e asegurar un futuro, senón que o fan porque teñen interese por aprender e gañas de relacionarse con outra xente”. A situación do profesorado é moi similar, “apúntanse voluntariamente” e isto provoca “un verdadeiro bis a bis, algo imprescindible no proceso de aprendizaxe, pero que non sempre se dá”. De feito, Membiela recalca que o profesorado que se implica no PUM atopa nel un alumnado comprometido e interesado, “que fai preguntas, amosa interese, le os libros e fai os traballos”. É “o alumnado que todo docente querería” e esta voluntariadade por ambas partes permite que “as ganas de ensinar se xunten coas ganas de aprender”.

De feito, o interese e implicación do alumnado sénior é tal que, como explica o seu actual responsable José Luis González Cespón, unha vez que completan os cinco anos que duran os dous ciclos e suman todos os créditos, “seguen matriculándose de materias soltas que non cursaran previamente”.

389 estudantes neste curso

No curso actual a Universidade de Vigo conta con 389 estudantes sénior, 336 deles no ciclo intensivo de Cultura e Sociedade e 53 no integrado. Deles, 75 no campus de Ourense, 88 en Pontevedra e 226 en Vigo. Tras a pandemia, as cifras de matriculados van paseniñamente recuperándose, coa vista posta en retornar á normalidade entre un alumnado que, pola súa idade, sufriu moito o impacto da covid.

Ao longo destes 20 anos o crecemento foi constate nos tres campus, con cada vez máis estudantes séniors achegándose ás aulas universitarias. Como destaca González Cespón, a valoración máis importante que se pode facer do programa é a que fan os propios estudantes, “e é moi positiva, somos o centro mellor valorado da Universidade de Vigo”, sobre todo polas materias e as temáticas que se abordan e polo profesorado. O alumnado, destaca o docente, “vén a aprender con moito entusiasmo, a ter experiencias universitarias que no seu momento non puideron ter” e destaca especialmente a experiencia que supón o ciclo integrado, no que o alumnado sénior comparte materias e aulas co alumnado de grao, “fomentando as relacións interxeracionais”.

De cara a próximos cursos, os tres coordinadores dos tres campus están traballando para “fomentar a interxeneracionalidade a través dos traballos fin de grao, nos que o alumnado sénior pode achegar “experiencia a estudantes de grao que precisan adquirila.

Salir de la versión móvil