A asociación SOS Tomiño Baixo Miño e Alberto Romero “Romer”, Premios Cidade de Tui

Publicidad

O xurado dos Premios Cidade de Tui acordou, por unanimidade, galardoar este 2022 á Asociación Asistencial Sos Tomiño – Baixo Miño e a Alberto Romero Rodríguez “Romer”. Estes premios buscan recoñecer o relevante labor desenvolvido tanto por persoas físicas como xurídicas para o progreso da vila, pola a súa achega ao desenvolvemento social dende o seu ámbito profesional ou por calquera acción de relevancia que teña contribuído ao engrandecemento e difusión de Tui e os seus cidadáns.

No que atinxe á Asociación Asistencial Sos Tomiño -Baixo Miño, o xurado valorou que dende o ano 2009 ven desenvolvendo unha ampla actividade, sendo un exemplo sobranceiro de compromiso social a prol dos máis desfavorecidos do municipio de Tui e dos concellos veciños de Tomiño, O Rosal e Oia. O xurado valora o traballo "xeneroso e altruísta" dos numerosos voluntarios que integran esta Asociación, a colaboración interxeracional que promoven nas súas actividades e o amplo programa asistencial que desenvolve este colectivo. O mesmo tempo que destaca a "excelente organización" á hora da recollida e distribución das axudas e a alta efectividade coa que desenvolven o seu labor.

Polo que respecta á categoría individual o premio concedido a Alberto Romero Rodríguez, “Romer”, é, segundo a acta do xurado, en recoñecemento ao seu traballo dende hai máis de dúas décadas na promoción do muíños do río Tripes. Alberto “Romer” é o impulsor, dende o ano 2003, da romaría de “Os nosos fariñeiros, burros e muíños” e promotor, dende o ano 2007, da Asociación de Muiñeiros do río Tripes. O xurado valora o seu traballo de investigación do patrimonio etnográfico e inmaterial relacionado co río Tripes e o Parque Natural do Monte Aloia, a súa condición de promotor da restauración dos muíños deste río, da cultura popular asociada aos mesmos e a ruta de sendeirismo que percorre este amplo conxunto etnográfico, consolidada como un dos principais recursos turísticos e culturais de Tui. Destaca o seu traballo altruísta e o seu empeño na recuperación e promoción dos muíños do Tripes, conservando e enriquecendo o noso patrimonio cultural.

Finalmente o xurado quixo deixar constancia da súa homenaxe de recoñecemento a tres figuras falecidas neste último ano e que, polas súas achegas á vila e traxectoria persoal ligada a Tui, son merecentes de recoñecemento:

O acto de entrega destes premios terá lugar nun acto solemne o vindeiro sábado, 16 de abril, ás 19:30 horas no Teatro Municipal.

Salir de la versión móvil