A Aula de Música Tradicional compartirá escenario con Carlos Núñez en Pontevedra

Publicidad

As e os integrantes das diferentes formacións promovidas pola área de Cultura do campus de Pontevedra participarán este sábado 21 de decembro no concerto Celtic Sea, de Carlos Núñez, no Pazo da Cultura. O músico presentaba este xoves no Concello esta actuación, acompañado polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, que definían o deste sábado como un "espectáculo único", dado que ao recital que Núñez ofreceu previamente en Dublín ou Normandía sumaranse nesta ocasión as aulas de música e de baile tradicional e o coro polifónico do campus. "Dentro da internacionalización que queremos facer na Universidade, tamén intentamos ter os pés na terra e saber de onde vimos", sinalou Torres nesta presentación, na que lembrou que a aula de música tradicional creouse no ano 2016 co obxectivo de proporcionar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía un espazo no que iniciarse ou perfeccionar o manexo de diferentes instrumentos tradicionais. Dirixida polo músico Suso Vaamonde, esta aula está integrada a día de hoxe por 40 persoas de diferentes idades e xa realizara no ano 2021 unha primeira colaboración nun concerto de Carlos Núñez.

Naquela ocasión, lembrou Torres, a aula subirase ao escenario para interpretar unha única peza, máis nesta ocasión "imos tocar seis", o que supón un salto "exponencial", sinalou. Ademais, á participación da aula sumarase tamén a das e dos integrantes do obradoiro de baile tardicional galego, dirixido pola integrante de Leilía Montse Rivera e que conta a día de hoxe con 30 participantes. Ademais, o concerto deste sábado contará tamén coa participación do Coro Polifónico do Campus, unha formación integrada por 34 persoas de diferentes idades e dirixida por Luisa Sánchez, que este luns protagonizaba un Concerto de Nadal na Biblioteca Pública de Pontevedra.

Salir de la versión móvil