Nova inundación na base do 061 no concello de Cangas. As instalacións da empresa Ambulancias do Atlántico, concesionaria do Servizo, situadas na rúa Longan de Cangas veñen de sufrir un novo asolagamento por augas fecais. “Está é a terceira pero a máis grave das inundacións que sufre a base no último ano”, denuncian dende a CIG á vez que apuntan a que o desbordamento produciuse “por toda a instalación sanitaria que alberga a propia ambulancia, os EPI ou o propio material sanitario co que se atende aos pacientes”.
Segundo os operarios da empresa Aqualia, semella que o problema pode estar no afundimento da beirarrúa que impide que o desaugadoiro faga a súa función. A día de hoxe, a situación non ten arranxo e o persoal traballador atópase nunha pelexa entre a empresa concesionaria, a comunidade e Concello. O problema é tan grave que ademais de non contar coas condicións hixiénico sanitarias mínimas para o persoal traballador, ocasionará atrasos na activación da ambulancia, avisan os traballadores.
Pese a estar no pico máis alto de casos por Covid-19 no Morrazo dende o inicio da pandemia, as tarefas de desinfección dos vehículos sanitarios tras a atención e o traslado polo persoal sanitario do 061 dos pacientes con signos de sospeita ou confirmación por Covid-19 seguen a realizarse nas instalacións que a concesionaria do 061 en Vigo. O feito de que Cangas careza dun sistema de desinfección propio provoca que a ambulancia tarde moito máis en quedar novamente operativa orixinando atrasos na asistencia á poboación que teña unha urxencia sanitaria. “A posta en marcha dun novo sistema ten un custe de 75 euros”, explican dende a central sindical.
Múltiples deficiencias dende a adxudicación a Ambulancias do Atlántico
A base de Cangas atravesa un “verdadeiro calvario” dende que a finais do 2019 o 061 adxudicase a prestación do servizo de asistencia sanitaria urxente en Cangas á empresa Ambulancias do Atlántico - Grupo Orthem”. Tres inundacións de augas fecais e un corte de subministro eléctrico por impagos ocasionaron o traslado a un hotel do persoal sanitario. Ademais, o afundimento da rúa provocou que a ambulancia non puidese saír a atender unha emerxencia e que o vehículo tivese que ser substituído para reparar o tubo de escape.
A FGAMT-CIG denuncia que a política da empresa dende o inicio da prestación do servizo para o 061, caracterizouse por “impedir a participación sindical en materia de prevención de riscos laborais coa intención de limitar que os seus delegados puidesen obrigar a dirección da empresa ao cumprimento das leis”. A CIG desvela que a empresa acaba de ser sancionada por segunda vez pola Inspección de Traballo e Seguridade Social de Vigo por este motivo. “A liña de traballo da empresa é sempre a de investir o mínimo imprescindible aínda que iso supoña contravir a lexislación para obter o maior beneficio posible do contrato que ten co 061 a conta de poñer en perigo a seguridade e a saúde do persoal sanitario”, lamentan.