14 entidades, 400 profesionais traballando cada día nas súas instalacións e un volume de facturación anual conxunta que en 2020 alcanzou os 19 millóns de euros e que este ano agardar superar os 26 millóns. Estas son as grandes cifras que se manexan a día de hoxe na Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, unha entidade que comezou a fraguarse no 2006 e se inaugurou en xullo de 2011 da man de catro socios estratéxicos –a Universidade de Vigo, o Consorcio Zona Franca, Abanca e a Xunta de Galicia- co obxectivo de converterse nun referente da promoción e impulso das actividades de I+D+i, tanto a nivel galego como nacional.
A entidade celebrou este martes o seu décimo aniversario “satisfeitos polo camiño percorrido e cheos de proxectos e iniciativas de futuro”. As medidas de precaución fronte á pandemia motivaron que non houbese grandes celebracións, pero non impediron un pequeno acto e visita ás instalacións dos responsables dos catro socios promotores.
Cun edificio de 6.700 metros cadrados, deseñado polo arquitecto Alfonso Penela e no que se investiron 12 millóns de euros, Citexvi púxose en marcha oficialmente en xullo do 2011. Ao finalizar ese mesmo ano as instalacións daban xa acubillo a nove entidades e arredor de 80 profesionais, dez anos despois estas cifras multiplicáronse e a día de hoxe, tal e como se destacou durante a presentación, son 14 as entidades que desenvolven a súa actividade neste edifico (Imatia, Centum, EnergyLab, Nanuimnunotech, Insitu, Aquanovis, o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas ou o Grupo de Nutrición e Alimentación da UVigo, entre outros) e 398 os profesionais que traballan nelas.
De todos estes profesionais máis do 90% teñen titulación universitaria, maioritariamente Enxeñaría de Telecomunicación, Informática e Industrial, pero tamén Química, Bioloxía, Ciencias do Mar e Administración e Dirección de Empresas. “De todos estes traballadores arredor do 27% son mulleres, principalmente cunha titulación do ámbito STEM”, explicou o xerente de Citexvi, Manuel Aranda, quen salientou que nestes anos o edificio albergou 30 entidades, o que propiciou que máis de 1300 persoas teñan desenvolto a súa actividade profesional nestas instalacións en ámbitos como as comunicacións, as tecnoloxías da información, enxeñaría, enerxía e medio, consultaría tecnolóxica, biomedicina, ciencias naturais e mariñas e tecnoloxías agroalimentarias.
“Citexvi naceu nun intre no que en España se comezaba a traballar na asociación entre o público e o privado e isto na Universidade de Vigo xermolou de xeito moi doado porque nós sempre tivemos no noso ADN a necesidade de formar parte da sociedade e de impulsar a transferencia ás empresas”, explicou o reitor Manuel Reigosa, destacando así a importancia que desde a institución académica viguesa se lle dá a que todo o coñecemento que se xera nos seus laboratorios, aulas e seminarios serva para que “a sociedade progrese, sexa máis próspera e tamén máis xusta”.
Nesta liña manifestouse tamén o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, quen se referiu á Universidade de Vigo como un socio estratéxico. “En todos os proxectos que estamos a abordar nestes intres a través dos fondos Next Generation imos man a man coa Universidade de Vigo”, salientou Regades, referíndose aos proxectos de fábrica de baterías e a de fotónica e chips, “onde nós simplemente somos o acompañamento a unha grande idea que nace na Universidade”.
O apoio ao proxecto chegou tamén da man dos outros dous socios promotores: Abanca e a Xunta de Galicia. “Citexvi ten sido un punto esencial de todo o que é a investigación, a innovación e o desenvolvemento en todos os sectores produtivos, algo especialmente importante nestes tempos tan difíciles de entrada/saída dunha pandemia”, salientou Lino Comesaña, ao que o representante da Xunta, Tomás Nogueira, engadiu que “desde o primeiro minuto se sabía que Citexvi sería sinónimo de éxito e os resultados están á vista de todos”.