O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desembarcou este mércores na Feria Internacional de Turismo (FITUR), en Madrid, co obxectivo de que as e os visitantes degustaran e saborearan cada recuncho do territorio. Fíxoo “cunha narración na que a protagonista é a gastronomía e as persoas profesionais cos que contamos para que os nosos produtos se ofrezan ás e aos turistas con calidade, exquisita preparación e cunha presentación que sorprende e deixa pegada”, como salientaba durante o acto de presentación o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González.
Os verdadeiros e verdadeiras protagonistas da nova campaña presentada en FITUR, ‘Degusta Ría de Vigo e Baixo Miño’ foron os profesionais que poñen en valor os produtos locais do Xeodestino. O chef de cociña do Talaso Atlántico e protagonista do vídeo central da campaña, Javier Fins, quen vive “fronte a unha praia marabillosa e traballo a pés do Atlántico máis salvaxe, un sitio que inspira, cun produto incomparable e con persoas produtoras e artesás de gran nivel que permiten crear menús como o que presentamos e que agardamos que veñades a desfrutar”.
José Manuel Fernández, mestre panadeiro do Forno de Mosende do Pan do Porriño agradeceu facer cada día o que lle gusta “nun lugar cunha tradición incrible e nunha das zonas de España onde a cultura do pan é das máis lonxevas. Con catro ou cinco ingredientes conseguimos crear un produto sinxelo e complexo á vez que acompaña nesta campaña a un produto e unha elaboración incribles”. Pola súa banda, Fátima Beamonte, artesá ceramista de Baiona e creadora das pezas nas que se emprata o menú do vídeo da campaña, explicou que as súas obras “están creadas inspirándome no lugar que me rodea, intentando transportar á e ao comensal aos lugares onde foron ideadas. Sempre é un reto incrible pensar en como o van beber, comer ou intuír os produtos que van conter”.
O acto de presentación en FITUR contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que cualificou ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como a despensa do sur de Galicia e destacou a posta en valor polo produto local do territorio. Un aspecto no que tamén coincidiu José Manuel Miñones, delegado do Goberno do Estado en Galicia, que sinalou que o Xeodestino é quen de espertar a necesidade de degustar este destino de visita obrigada”.
No acto participaron, entre outras autoridades, os alcaldes e alcaldesas do Xeodestino xunto ao de Nigrán, como o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o do Porriño, Alejandro Lorenzo, a rexedora de Redondela, Digna Rivas, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a rexedora de Tomiño, Sandra González ou o primeiro edil da Guarda, Antonio Lomba, entre outros.