O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reaccionou ao acto deste sábado no que alcalde, Abel Caballero, activou a conta atrás para o acendido do alumeado de Nadal reiterando a necesidade de que o Concello poña en marcha un Plan de Choque contra a Pobreza Enerxética.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que “a conta atrás que verdadeiramente lle importa ás familias traballadoras da cidade, ás viguesas e aos vigueses, son os días que faltan até a próxima factura da luz”, advertindo que son máis de 19.000 os fogares vigueses en situación de pobreza enerxética. Unha situación que se sigue agravando polos prezos desorbitados da electricidade e o contexto de grande carestía da vida.
Para enfrontar esta grave problemática social as nacionalistas reiteran a proposta que xa realizaron en febreiro, e que non foi atendida polo Goberno municipal, para que o Concello de Vigo poña en marcha un Plan de Choque que inclúa unha liña de axudas extraordinarias aos fogares e familias de menores recursos, o despregamento dunha rede de apoio e asistencia á veciñanza fronte aos “descarados abusos das grandes empresas do oligopolio eléctrico”, así como medidas para garantir o confort térmico para o conxunto da cidadanía.
“O que o BNG defendemos é que se mobilicen os inxentes recursos económicos dos que dispón o Concello e dos que presume estes días Abel Caballero, para evitar que este inverno volva haber casas nas que se teña que escoller entre pasar frío ou fame. Para que ninguén teña que pasar frío por non dispor de suficientes recursos”, resumiu o portavoz municipal nacionalista.