A Deputación alerta sobre a deturpación da variante do Camiño pola Costa en Portugal

Publicidad

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de dirixir unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que lle traslada o malestar dos alcaldes e alcaldesas da Guarda, Antonio Lomba; de Oia, Cristina Correa; O Rosal, Ánxela Fernández e Baiona, Carlos Gómez, polos problemas que se están a producir respecto da coordinación da promoción do Camiño Portugués pola Costa entre Galicia e Portugal e esixe “unha inmediata solución”. “Estando xa no bienio Xacobeo 2021-2022 non nos podemos permitir perdas de calidade ou prestixio nos itinerarios que levan a Santiago”, sinala na misiva Carmela Silva, que lembra que este itinerario está recoñecido desde 2016 e que “as relacións de cooperación e coordinación con Portugal son asunto que compete directamente á Xunta de Galicia”.

As queixas das que se fai eco a Deputación xa foron trasladadas polos rexedores e rexedoras municipais destes concellos á Sociedade de Xestión do Xacobeo. Dunha banda, os alcaldes e alcaldesas manifestaron o seu malestar polo irregular funcionamento do ferri entre Caminha e A Guarda, que a principios deste mes de xullo seguía sen estar en servizo e que durante os períodos nos que opera “caracterízase por horarios irregulares”. A alternativa a esta liña marítima son os “taxi-mar”, unhas pequenas embarcacións que xestiona a Cámara Municipal de Caminha e que segundo as testemuñas das persoas usuarias, non ten unha tarifa estable “senón que depende do número de persoas a bordo en cada viaxe”.

Doutra banda, denuncian “a desinformación” que se está a producir en Portugal con respecto ao trazado oficial do Camiño pola Costa. Neste senso, apuntan que aínda que está claro que o Camiño oficial é o que une Caminha con A Guarda por vía marítima, “se están a promover desde o país veciño alternativas que nada teñen que ver”, como cruzar o Miño desde Vilanova de Cerveira ata Goián, ou continuar ata Valença para enlazar alí co Camiño Portugués. Estes “desvíos” promóvense con folletos, webs e publicacións que “alteran o verdadeiro espírito co que naceu o Camiño Portugués pola Costa”. “Resulta difícil –engade Carmela Silva na súa carta- imaxinar que rodeos deste tipo se puideran propoñer para o Camiño Francés na súa entrada a Galicia”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra reclama por elo a Feijóo que dirixa ou canalice “as actuacións pertinentes” para a correcta coordinación coas autoridades portuguesas implicadas, “e garantir así a correcta preservación e promoción do Camiño Portugués pola Costa, itinerario xacobeo senlleiro e do máximo interese para a promoción turística desta provincia”.

Salir de la versión móvil