A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a dez novas achegas da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2023 por importe de 2 millóns de euros, que beneficiarán aos concellos de Fornelos, Lalín, Poio, Vilagarcía, Redondela, Silleda, Campo Lameiro, O Porriño, Arbo e A Estrada e que permitirán contratar a un total de 176 persoas.
Estes novos recursos, segundo subliñou a presidenta, Carmela Silva, permitirán aos concellos “desenvolver actividades fundamentais” con persoal para os servizos municipais de limpeza, coidado de xardíns ou obras públicas, aínda que tamén se buscan outros perfís como persoas guías turísticas, técnicos economistas, historiadores de Arte ou auxiliares de enfermería.
Na comarca de Vigo, o Concello de Fornelos de Montes recibirá 89.887€ para contratar 11 persoas, mentres que O Porriño poderá empregar a 21 traballadores coa achega provincial de 210.186€ e Redondela contará con 237.359€ para financiar 15 contratos.