A Deputación de Pontevedra celebrou este sábado en Vigo o Día do Libro coa presentación de “Tes cinco minutos #2”, a escolma de textos que xurdiu no seo da segunda edición da Escola de Letras, iniciativa impulsada pola institución provincial e a Editorial Galaxia. A cita, que se celebrou na Sala Rosalía da sede da Deputación no Casco Vello vigués contou, ademais de coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, co director da Editorial Galaxia e da Escola de Letras, Francisco Castro, cunha das docentes do curso, Inma López Silva, e con escritoras como María Xosé Queizán. Tamén asistiron Judith Rodríguez, Paula Dapena e Elena Casal, tres das deportistas da provincia de recoñecido nivel que tamén quixeron facer a súa aportación a esta celebración lendo os seus libros favoritos. O acto estivo amenizado pola actuación da cantautora Leticia Rey.
A presidenta provincial celebrou o nacemento de “Tes 5 minutos #2”, o libro coa escolma de textos das alumnas e alumnos da Escola de Letras, “que está a ser una marabilla de travesía”. Amais, anunciou novas iniciativas para visibilizar a Escola no Estado e en Europa, mentres puxo en valor ás mestras e mestres e ao alumnado, “que escribiu cousas sorprendentes, de enorme calidade, cheas de conceptos, de vida e de valores”.
O Director da Escola e de Galaxia, Francisco Castro, falou do afianzamento da Escola, un proxecto “que podía parecer unha anécdota e que ao final se converteu nunha institución con moita forza”. Tamén se referiu á canteira de escritoras e escritores “e o talento enorme que demostran, persoas que queren escribir e que amosan neste libro que hai canteira para a literatura galega”. Castro, que agradeceu a obra de creadores e creadoras como María Xosé Queizán, rematou reivindicando “máis libros, máis cultura e menos bombas”.
En representación do alumnado da Escola Xosé Lueiro, María Varela, Pitusa Piñeiro, Diana Fernández e Marga R. Marcuño compartiron co público fragmentos das súas creacións. A outra parte fundamental foi o seu profesorado, que tamén interveu nun vídeo no que Inma López Silva, Antonio García Teijeiro, Diego Giráldez, Ana R. Figueiredo e Elvira Ribeiro falaron sobre a súa experiencia, que cualificaron de agasallo, que lles permitiu coñecer de preto o talento e as ganas que teñen as persoas de escribir e de falar de literatura.
A programación da Deputación polo Día do Libro complétase coa exposición “Contos e países. Historias que viaxan”, comisariada por Silvia García, que se exhibe na Sala Rosalía de Castro ata o 15 de xuño.