A Deputación de Pontevedra lanza dúas novas campañas de apoio ao comercio local

Publicidad

No marco do seu firme compromiso cos sectores produtivos da provincia, a presidenta da Deputación Carmela Silva, acompañada polo presidente do Clúster de Turismo, César Pardal, deu a coñecer esta mañá novas iniciativas para “apoiar ao sector turístico e á cadea de valor vinculada con el”. Neste eido, presentouse a III xornada Turistic, que terá lugar o 2 de decembro telematicamente e na que participará o “mais potente do turismo tanto a nivel público como privado”, contando, entre outras persoas, coa xerente de Innovación e Transformación Dixital da Organización Mundial do Turismo. Tamén en decembro, os días 17 e 18, terá lugar a xornada “Reinventar o presente”, que promove o Clúster de Turismo en colaboración coa Deputación, e na que se debaterá “sobre a construción dun novo modelo de turismo máis resiliente e dixital”. Amais, e pola súa estreita relación co turismo, lanzaranse dúas novas campañas de apoio ao comercio de proximidade e ao produto local.

Tralo éxito das dúas primeiras edicións, a Deputación de Pontevedra lanza a terceira xornada Turistic que terá lugar o vindeiro mércores 2 de decembro en liña a través da plataforma online Streamyard. Trátase dunha xornada “con grandes profesionais do turismo na que se afondará sobre o uso e aplicación das TIC no ámbito turístico”. Concretamente, tal e como explicou Silva, analizaranse as oportunidades e desafíos para o sector turístico, a transformación dixital, proxectos e tecnoloxías que favorezan un destino seguro, sostible e de calidade, novos modelos turísticos xurdidos a raíz da crise sanitaria ou a influencia no sector dos ODS e o Green Deal da Unión Europea.

A xornada, que ten xa aberta a inscrición, contará co “máis potente do turismo tanto a nivel público como privado” e participarán, entre outras persoas, a xerente de Innovación e Transformación Dixital da OMT, Natalia Bayona, coa que a presidenta manterá xa un encontro o vindeiro luns “seguindo a liña de traballo para sumar sinerxías e estar á vangarda do máis novidoso que se está a impulsar no turismo”.

A apertura da terceira edición de Turistic terá lugar ás 9:30 horas coa participación da presidenta da Deputación Carmela Silva, do presidente do Clúster de Turismo, César Pardal, do presidente do Clúster TIC Antonio Rodríguez del Corral e da secretaria de Estado de Dixitalización Carme Artigas. A continuación emitirase o vídeo de Bayona e ás 10:45 terá lugar a primeira mesa redonda, titulada “Retos do turismo na era Covid”, que será moderada pola xornalista Nani Arenas e na que participarán Kin Martínez (CEO Esmerate), Lucía Freitas (Restaurante A Tafona), Marian Gómez (xerente e propietaria de Casa A Pedreira) e Ana Trevisani (directora de OPC Galicia). Ás 11.30 horas terá lugar a mesa redonda “A tecnoloxía ao servizo dos novos modelos turísticos”, moderada polo xornalista Paco Nadal, na que participarán Raúl Jiménez (CEO Minube), Álvaro Carillo (director xeral do Instituto Tecnológico Hotelero) e Cristina del Castillo (responsable de HORECA de Too Good to Go). A continuación a experta en marketing Clara Soler moderará a mesa “Boas prácticas en turismo sostible e responsable” na que van participar Marcos Pérez (director da Fundación Galicia Sustentable e do Mercado de la Cosecha), Natalia Rodríguez (export Mánager e responsable de comunicación de Señorío de Rubíos), Mar Rodríguez (CEO e fundadora de Tee Travel) e Iván Luarca (CEO de Eccocar). A ponencia final, ás 13 horas, será a cargo do xornalista, escritor, conferenciante e analista de turismo Fernando Gallardo.

Amais desta actividade, na que tamén participará o Clúster de Turismo, os días 17 e 18 de decembro terá lugar dende o Pazo provincial e de xeito telemático a xornada “Reinventar o presente”, “cun título –asegurou a presidenta Carmela Silva- que marca a folla de ruta do que hai que facer e no que se vai debater sobre a construción dun novo modelo de turismo máis resiliente e dixital”. Silva destacou que esta iniciativa, que impulsa o Clúster de Turismo en colaboración coa institución provincial, centrarase tamén “na necesidade de reinventar o sector turístico, un sector que xera moito emprego e riqueza na provincia de Pontevedra, Galicia e no conxunto do Estado”. Para elo, durante o encontro sinalaranse “as dificultades e tamén as oportunidades que poden xurdir desta crise, afondando na transformación dixital, no talento e na importancia do dato na estratexia empresarial”.

O presidente do Clúster do Turismo, César Pardal, que manifestou a súa preocupación “polo sector turístico, por manter vivo o tecido empresarial”, destacou que “o turismo está cambiando e estamos forzadas e forzados a reinventar o presente, apostando por planificar, por converternos nun destino seguro e transmitir confianza”. Ao respecto, Pardal, que tamén reivindicou “a necesidade de impulsar unha acción conxunta de todas as administracións públicas e privadas para evitar un desastre”, destacou que a xornada servirá para “analizar as oportunidades do turismo na era dixital, a curto prazo e adaptarse a tempos de incerteza”. Deste xeito durante os dous días de xornada haberá tres eixos temáticos de intervencións nos que se achegarán diferentes visións de actores públicos e privados centradas no turismo en tempos de covid, no talento dixital no novo turismo e na economía do dato tanto para os destinos como para as empresas turísticas.

Dúas novas campaña de apoio ao comercio de proximidade e o produto local

A Deputación pon en marcha a nova campaña “Agora máis que nunca non perdamos a proximidade” centrada “en animar á cidadanía a mercar nas tendas locais e de proximidade, nas prazas e nos mercados das nosas vilas, cidades e comarcas”, así como en consumir “produto de tempada das nosas produtoras e produtores”. Carmela Silva recordou que estes establecementos “representan o mellor da nosa provincia”, ofertan produtos “nosos, da nosa terra, de calidade e sostibles” e cunha atención “próxima, amable e familiar”. Tamén destacou que se trata dun sector con preto de 11.000 pequenos e medianos negocios na provincia que representan o 36% dos existentes en Galicia. “Mercando produtos en comercios locais é un xesto solidario, que nos ten que facer sentir orgullosas e orgullosos –manifestou a presidenta- xa que falamos dun sector que o está a pasar moi mal e témolo que apoiar”.

Amais, a presidenta anunciou que de cara ao Nadal vaise lanzar unha nova acción promocional “de apoio ao produto local pero centrada nas mulleres, nas produtoras, segundo a liña iniciada o pasado ano con Elas son a forza do Nadal”. “Será unha campaña “persoal, sensitiva e xusta” que cumpre a dobre función de apoiar ao produto local, e visibilizar o papel que desenvolven as mulleres, tanto do mar como do agro, poñerlles rostro e darlles voz porque son as grandes protagonistas do Nadal”.

Salir de la versión móvil