Compartir con todo o mundo que “Pontevedra é desfrutar” será a máxima do goberno provincial de Luis López no 2024. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra destinará o vindeiro ano máis de 5,6 millóns de euros ao impulso do turismo na provincia, un incremento de preto do 2% respecto ao 2023.
Para poder divulgar e dar a coñecer os atractivos turísticos do destino Rías Baixas, a institución provincial realizará unha "intensa actividade de promoción e difusión" no 2024 á que destinará preto de 1,2 millóns de euros o que supón un incremento do 37% con respecto a este ano. Os gastos de promoción do destino “Rías Baixas”, en xeral, cuadriplícanse pasando dos 75.000 euros aos 300.000 euros no 2024, e destínanse 100.000 euros máis á campaña anual turística e ás actividades de workshops, pasando dos 170.000 euros aos 275.000, tralo éxito das últimas actividades desenvolvidas en Alacante e Barcelona. Tamén se achegarán preto de 75.000 euros á realización do novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia.
Neste ámbito da promoción e divulgación destaca tamén o forte incremento, de ata o 66%, na promoción do Castelo de Soutomaior e a partida destinada a dar a coñecer o Castelo de Sobroso, que se duplica con respecto ao ano 2023. Destacable tamén o que respecta á promoción de CastroDeza e do Pazo de Liñares, en Lalín, que non tiñan recursos dispoñibles no 2023 e no 2024 contarán con 18.000 euros. Igualmente, o proxecto “Trazas de Pontevedra”, de promoción dos xacementos galaico-romanos da provincia que acaba de reactivar o goberno de Luis López, contará con 18.000 euros para a súa promoción no 2024, fronte aos 1.000 euros asignados este ano. Neste último caso, o goberno provincial tamén destinará 40.000 euros á organización de actividades culturais a carón destes elementos do patrimonio arqueolóxico e cultural de Pontevedra.
Apoio a entidades turísticas e aos concellos
O orzamento destinado a impulsar e apoiar actividades turísticas desenvolvidas por asociacións da provincia incrementarase no 2024 un 80%, pasando dos 100.000 euros deste ano aos 180.000 euros do vindeiro. Achegaranse 290.000 aos festivais Rías Baixas e tamén se incrementará nun 17% a partida destinada a apoiar entidades relacionadas co sector turístico da provincia como a Ruta do Viño Rías Baixas, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Española da Camelia ou o Consorcio de Empresarios Turísticos, que sumarán un investimento total de 56.000 euros no 2024. Ademais, a Deputación de Pontevedra achegará 280.000 euros aos concellos, para sufragar os custos de persoal de atención das oficinas de turismo da provincia e tamén recibirán 78.000 euros as festas de interese turístico nacional e internacional.
En canto ás infraestruturas e servizos prestados por Turismo Rías Baixas, o goberno de Luis López destinará unha partida de 200.000 euros ao novo contrato para a xestión da atención ao público e visitas no Castelo de Soutomaior, 156.000 euros ás obras da envolvente do Castelo de Sobroso e outros 40.000 á mellora no edificio do Palacete das Mendoza. Tamén se desenvolverá unha aplicación informática para xestionar as visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso, para a que se achegarán 29.000 euros no 2024. Pola súa banda, investiranse 50.000 euros no alumeado de Nadal do Castelo de Soutomaior e incrementarase as partidas destinadas a actividades culturais neste recinto en 15.000 euros, pasando dos 50.000 euros do 2023 aos 85.000 euros do 2024.