A Deputación de Pontevedra vén de presentar publicamente o orzamento para o vindeiro 2022. Trátanse dunhas contas “ambiciosas, expansivas e transformadoras”, en palabras da presidenta provincial, Carmela Silva, que ascenderán a 175,8 millóns de euros, casi un 7% máis que este 2021. O orzamento consolidado, é dicir, coa Escola de Enfermería e os Consorcios contra incendios e do Deza-Tabeirós chegan aos 179,5 millóns.
Aos municipios da provincia diríxese unha das medidas “clave” do orzamento: o Plan Concellos, que como novidade será bianual e, polo tanto, os gobernos locais terán a súa disposición 73, 5 millóns de euros. Serán 43 millóns do Plan de 2022 e outros 30,5 do Plan de 2023. Ademais, se sumarán en transferencias directas outros 22,2 millóns de euros das áreas de infraestruturas, mobilidade sostible, programas sociais, plans de emprego, apoio ás novas tecnoloxías, recuperación de patrimonio e dinamización da lingua, accións de igualdade, cultura, turismo e deporte, amais da estratexia transfronteiriza, a acción do ORAL e do SAIM.
Destaca tamén a saúde financeira da institución, que logra a débeda cero despois de ter rebaixala dende os 41 millóns de euros. “No 2015 herdamos unha débeda de preto de 41 millóns de euros que a finais do 2022 teremos pagada. Ter débeda cero vainos permitir que poidamos endebedarnos para facilitar a inversión na provincia a través do ReacPon”, defendeu Silva.
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera amosouse satisfeito de que os Orzamentos da Deputación para 2022 van entrar en vigor este mesmo ano, permitindo aos concellos saber a súa previsión de ingresos, estabilidade á hora de gobernar, e ritmo á hora de sacar adiante os proxectos.
A execución do Plan Estratéxico de Fondos Europeos será outra das ferramentas para “consolidar a recuperación”. Se no 2021 a Deputación chegou a mobilizar ata 42 millóns de euros en 41 proxectos relacionados coas TIC, o emprendemento rural, a innovación e a sustentabilidade, o goberno xa ten comprometidos para 2022 outros 17 millóns de euros. Están definidos os eixos de actuación na transición verde, a dixitalización, o reto demográfico e a igualdade na que se basea a estratexia de captación, que xa está a dar froitos.
O orzamento da política social crece máis dun 7% ata os 18,2 millóns de euros e traerá de novo os valorados programas de participación como DepoTermal, En Ruta coa Depo, Depo en Marcha ou os Campamentos da Lanzada.
Para políticas de igualdade a Deputación destinará 1,8 millóns de euros, cun crecemento do 28,57%, e máis proxectos en todo o territorio, coa Cátedra de Feminismos e a Escola María Vinyals.
Destinaranse 21,8 millóns de euros á reactivación cultural, turística e deportiva da provincia, un 3,81% máis que en 2021. Desde o apoio á creación cultural, a mellora do Museo de Pontevedra, a Escola de Letras, os Rías Baixas Fest e os Film Fest, a dinamización da lingua, o turismo intelixente, os grandes eventos deportivos co impulso ás mulleres , ou a recuperación do patrimonio. As políticas de Memoria Histórica, quedan cun orzamento de 560.000 euros.