“É a hora de atender á xente, e sobre todo á xente máis vulnerable. Todo o demais xa virá logo”. Deste xeito, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dirixiuse esta mañá ao Comité de Seguimento fronte ao Covid19, reunido no Pazo Provincial, ao que deu conta das medidas extraordinarias que a institución está a activar en materia de política social, para achegar recursos aos concellos máis pequenos da provincia e ás familias en situación máis vulnerable.
O goberno provincial vai activar de xeito inminente medidas extraordinarias por valor de máis de 4 millóns de euros en materia de política social, dirixidas directamente aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. As primeiras medidas inclúen a aprobación inminente das novas bases do Servizo de Axuda no Fogar e dos Servizos sociais comunitarios, por valor de máis de dous millóns de euros, así como a modificación das bases de Axudas de Emerxencia para achegar o antes posible, eliminando toda a burocracia, o medio millón de euros que se contemplan para os municipios. Estas axudas estarán dirixidas de xeito prioritario a aliviar a situación das persoas maiores que viven soas, e ás máis vulnerables a fin de garantir a alimentación, a hixiene e a limpeza e a desinfección daquelas zonas específicas e asimiladas que non poden atender directamente os municipios.
Ademais, o goberno provincial anunciou a activación do Fondo de Continxencia de Deputación para situacións de emerxencia, dotado cun millón de euros e, igualmente se estudan medidas para incrementar e reforzar a Teleasistencia Domiciliaria.
Amais, estánse xa a estudar novas medidas dirixidas as persoas soas, como intensificar os seguimentos telefónicos de tal xeito que sexan ata diarios nalgúns casos. No caso do resto das persoas usuarias de Axuda no Fogar tamén se vai intensificar o seguimento, reducindo os prazos de quince días a unha semana.
Por outra banda, xa está a disposición do Goberno de España o material técnico, sanitario e de protección da Finca Mouriscade, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e da Escola de Enfermería.
A Deputación tamén solicitou a todas as empresas concesionarias e as que fan obras ou prestan servizos á Deputación de Pontevedra, o plan de acción e de protección de persoal. “Estamos a facer un seguimento destas cuestións para ver que se cumpran e garantir así a seguridade e saúde das persoas”, destacou Silva.