A Deputación "reforza a súa colaboración" coa UVigo cun investimento de 210.000 euros

A Deputación "reforza a súa colaboración" coa UVigo cun investimento de 210.000 euros

Publicidad

Promover a mobilidade internacional do estudantado, desenvolver proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e dar impulso ao proxecto de especialización Campus Crea. Estes son os eixes dos tres convenios cos que, como anunciou este mércores, a Deputación de Pontevedra “reforza a súa colaboración” coa Universidade de Vigo e aos que destina un total de 210.000 euros.

Deste fondos, 80.000 euros dedicaranse á posta en marcha dun programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos de investigación en diferentes ámbitos, mentres que outros 100.000 euros destinaranse a promover a mobilidade do alumnado que participa en programas como o Erasmus+. Finalmente, o ente provincial achegará tamén 30.000 euros ao Campus Crea, dirixidos a promover a realización conxunta de eventos culturais ou deportivos e de proxectos colaborativos coas entidades empresariais. Segundo destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o obxectivo destes acordos é “fomentar o coñecemento, favorecer unha mellor atención ao alumnado e á investigación” e tamén a “grandes proxectos que permiten referenciar á Universidade, como o Campus Crea.

Fomento de investigacións 

Unha das iniciativas anunciadas nesta xornada pola institución provincial é a posta en marcha dun programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras promovidas polo persoal dos campus de Vigo e Pontevedra. Este programa, destacou a Deputación, “busca apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade”, así como á especialización do campus pontevedrés como Campus Crea. 

Concretamente, financiaranse, cun máximo de 7.900 euros, dous proxectos de cada unha das cinco liñas sinaladas neste acordo e relacionadas “cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia”. Por unha banda, no ámbito das ciencias, apoiaranse proxectos centrados na biodiversidade e conservación ambiental e tamén na agrobioloxía ambiental; mentres que no eido das ciencias da saúde, as liñas de investigación sinaladas son as novas estratexias de prevención e promoción da saúde e a medicina e saúde pública. Finalmente, no ámbito das ciencias sociais, porase o foco na economía, sociedade e territorio e máis concretamente, nos estudos demográficos.

Así mesmo, esta convocatoria buscará “contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia, polo que se terá en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas”, informou a institución provincial.

Apoio ao Campus Crea

Outro dos eixes desta colaboración é o proxecto de especialización Campus Crea, destinándose 30.000 euros á “realización conxunta de actividades e actuacións para contribuír á consecución dos obxectivos marcados no seu plan estratéxico”. En concreto, esta colaboración está destinada a financiar a divulgación do Programa de Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible, que promove o desenvolvemento de investigacións interdisciplinares; así como á promoción e organización de eventos culturais e deportivos e de proxectos colaborativos entre o campus e as entidades empresariais provinciais.

Neste punto, desde a institución provincial puxeron de relevo como este proxecto “pretende dotar ao campus de Pontevedra dunha maior singularidade e especialización en base ás súas vantaxes competitivas”, aglutinando “baixo unha mesma identidade e imaxe de marca todas aquelas áreas des coñecemento nas que ten experiencia e capital humano”.

100 bolsas para o alumnado

Finalmente, Deputación e Universidade asinan un ano máis un convenio para a promoción da mobilidade internacional do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo, aos que se outorgarán 100 bolsas de 1.000 euros, dirixidas a complementar as axudas que recibe o estudantado para a realización de estadías en universidades estranxeiras. Concretamente, outorgaranse 80 bolsas ao alumnado participante no programa Erasmus+ Estudos, mentres que as 20 restantes reforzarán ás bolsas propias da Universidade, as axudas ISEP e o programa GE4 para estudantes de enxeñaría, co propósito de que poidan completar os seus estudos en países extracomunitarios.

“Na situación actual, coa pandemia ou a suba de prezos e as dificultades que estamos atravesando, moitas familias teñen moi difícil pode achegar recursos para que as súas fillas poidan facer estas mobilidades, fundamentais para acadar unha educación máis global e máis  ampla”, destacou Silva, que incidiu na importancia deste tipo de iniciativas para a formación integral do alumnado e a súa adaptación ás esixencias do mercado laboral.

Salir de la versión móvil