A EE Forestal amosa as posibilidades de xerar ‘biochar’ a partires de biomasa residual

Publicidad

Diferentes actores da cadea de valor forestal, agrícola e gandeira, entre os que se atopa a Escola de Enxeñaría Forestal, integran o grupo de innovación Biofore Plus, que este mércores celebrou no centro do campus pontevedrés a reunión de peche dun proxecto dirixido a explorar diferentes vías para dotar dun maior valor a biomasa residual procedente de masas arbóreas sen valor comercial. Coordinado pola empresa Foresin, o proxecto buscaba probar a eficacia dun cabezal acumulador de biomasa Nisula 285 e+ sobre maquinaria habitualmente empregada nos montes galegos e valorizar o produto obtido en ámbitos como o enerxético, labor no que se centrou o traballo desenvolvido no Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da EE Forestal. Xunto coa caracterización enerxética das diferentes biomasas, procedentes de masas afectadas por lumes, por un crecemento reducido e pola presenza de especies invasoras, os investigadores da escola constataron a posibilidade de xerar biochar a partir destes restos, un produto que podería destinarse, por exemplo, para a redución das emisións de amoníaco nos depósitos de xurros das explotacións gandeiras.

Enmarcado nas axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos agrícolas, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, no proxecto Biofore Plus. Optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual e revalorización do material extraído do mesmo participan tamén a Fundación Conde del Valle Salazar, da Universidad Politécnica de Madrid, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e as empresas fmC e Greenalia. Co obxectivo, como explica a súa coordinadora, Érika Martínez, de “pór en común os resultados obtidos”, definir futuras iniciativas de presentación de resultados e “definir as liñas estratéxicas” do proxecto que dará continuación a este grupo, as e os socios de Biofore Plus participaron este mércores nunha xuntanza na EE Forestal. Xunto aos investigadores da escola Luis Ortiz e Óscar González Prieto e a coordinadora do grupo, a reunión contou coa participación de Juan Castro, investigador do CIAM, e Eduardo Tolosana, profesor da Politécnica de Madrid e coordinador dos traballos de campo, aos que se sumaron o director, Juan Picos, e a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela.

Do campo ao laboratorio

O proxecto, que daba continuidade ao grupo de innovación Biofore, abrangueu en primeiro termo uns traballos de campo levados a cabo nunha masa de Pinus pinaster en Guitiriz, que presentaba un crecemento moi reducido; outra de Eucalyptus globulus en Ribeira, afectada por un incendio, e unha terceira, no concello de Leiro, invadida pola Acacia dealbata. Estes traballos centráronse no estudo da eficacia do cabezal Nisula 285 e+ en diferentes tipos de maquinaria, para a partir de aí estudar as posibilidades das biomasas obtidas para reducir as emisións contaminantes do xurro ou con fins enerxéticos, así como a posibilidade de empregar as cinsas obtidas da combustión da biomasa na elaboración de abonos.

No referido aos traballos do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas, estes abrangueron “un estudo de caracterización enerxética” destes tres tipos de biomasa, así como a súa comparación cos “parámetros físicos, químicos e enerxéticos” doutra serie de mostras previamente analizadas de restos de cortas forestais. Neste punto, o informe final destes traballos recolle que, nos tres casos, as pacas xeradas con esta maquinaria “teñen mellor calidade en todos os sentidos que as que se están empregando actualmente en instalacións industriais operativas na comunidade”.

“Todos os produtos estudados teñen características perfectamente compatibles co uso enerxético”, conclúe o informe que asinan Torres, González Prieto e Antonio Vázquez, que pon de relevo así mesmo os resultados obtidos coas mostras de acacia, unha especie invasora. “Desde o punto de vista do seu uso enerxético, cabe destacar que ten un valor engadido mesmo superior ao eucalipto”, sinalan nun informe no que apuntan o interesante de “profundar no estudo enerxético desta especie, catalogada como invasora, pero que ben xestionada podería converterse nun cultivo enerxético de curta rotación”.

Fabricación de ‘biochar’

Na EE Forestal comprobaron tamén que é posible xerar carbón vexetal e biochar cos tres tipos de biomasa analizados. Para a realización destas probas, construíuse un “forno pirolítico de deseño propio”, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado por Ortiz e desenvolvido co obxectivo de “empregar sistemas e materiais comúns e condicións facilmente reproducibles”. O obxectivo deste prototipo, explica o catedrático, é facer posible un “proceso termoquímico en déficit de osíxeno”, que carbonice estes restos converténdoos “nun produto cunha grande capacidade de absorción”. De feito, para obter biochar é preciso xerar un carbón vexetal cunha concentración de carbono fixo “de cando menos o 50%”, algo que se acadou cos tres tipos de mostras, superándose o 70% en todos os casos e situándose en preto do 80% no da acacia. Alén das súas posibles aplicacións “con fins enerxéticos ou agrícolas”, os valores acadados, sinalan os investigadores da EE Forestal, fan posible valorar a utilización deste biochar “para a fabricación incluso de carbón activo, o que aumentaría de forma significativa o uso deste tipo de biomasa residual como materia prima para fabricar materiais tecnolóxicos, filtros, depuración, fertilización, etc”.

Redución das emisións de amoníaco

Máis aló dos traballos realizados na EE Forestal, esta xuntanza serviu para pór en común algúns dos resultados acadados nas diferentes fases do proxecto, como a centrada en coñecer as posibilidades do biochar á hora de reducir as emisións contaminantes dos depósitos de xurro. Nese senso, os estudos coordinados polo CIAM, centro dependente de Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, cun produto obtido por pirólise de madeira de piñeiro permitiron constatar o seu “elevado poder de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro”. De feito, como explica Juan Castro, a aplicación “dunha capa de catro centímetros” nestes depósitos permitiu “unha redución do 70%” das emisións de amoníaco á atmosfera, así como unha diminución de “entre un 17% e un 19%” nas de metano. Así mesmo, alén desa redución da contaminación do aire, “ao evitar esas emisións de amoníaco, estamos tamén reducindo as perdas de nitróxeno do xurro e por tanto dándolle máis valor como fertilizante”, salientou o investigador do CIAM.

Por outra banda, no referido aos traballos de campo, os responsables de Biofore Plus destacan que “a tecnoloxía ensaiada podería ser útil, especialmente en masas forestais pequenas, non comerciais e con árbores illadas de certo tamaño, se ben requiriríase un cabezal de maior capacidade. A tecnoloxía ensaiada, engaden amosou tamén un maior rendemento “a medida que tamén aumenta o tamaño” das árbores, “ata un certo punto”, e, pola contra, non resultou axeitada "para a corta de masas densas de acacia”.

Salir de la versión móvil