O Concello de Nigrán ofrece este sábado 11 de marzo a gala dos 'XI Premios Nigrán' desde as 20:00 horas no Auditorio Municipal. O acto, aberto á participación da veciñanza, contará coa actuación do trío galego 'Pelica de Can', liderado por Leni Pérez, moi coñecida pola súa intervención durante anos na TVG como especialista en folclore ou pola súa participación noutros grupos como Os Escaravellos.
Nesta undécima edición o Concello recoñecerá á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor no eido Social, a Escola Infantil ‘As Dunas’ no Educativo, á tenda de 'Lila’ no Empresarial, á Rondalla de Santiago de Parada no Cultural e, finalmente, á Sociedad Atlética Val Miñor no Deportivo. Sobre cada un deles se proxectará un pequeno vídeo documental antes de entregarlle a un representante o consabido galardón conmemorativo.
A corporación de Nigrán acordou por unanimidade render homenaxe a estas entidades neste xa consolidado acto institucional de recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria de cada un dos premiados.
Premio social
Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor naceu no ano 1997 en Nigrán para uns anos despois extender o seu traballo altruísta a toda a comarca. Polas súas filas teñen pasado máis de 2.000 voluntarios, sendo actualmente unha das entidades máis numerosas de Galicia con preto de 150 persoas que non perciben ningún salario a cambio. Entre as súas funcións está a de colaborar co GES, Policía Local, Guardia Civil, 061, administracións… Por iso é habitual contar coa súa presenza en todo tipo de accidentes ou catástrofes pero tamén na seguridade de grandes eventos como poden ser as fogueiras de San Xoan, en Panxón. A maiores, entre as súas competencias propias está a vixiancia das praias do Miñor na tempada estival. Por todas estas razóns, "o Concello de Nigrán, en nome de toda a veciñanza, agradece públicamente este labor e considera á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor máis que merecedora deste galardón tras 25 anos de servizo desinteresado e imprescindible na comarca", sinalan dende o Concello.
Premio educativo
A Escola Infantil Plurilingüe ‘As Dunas’ de Panxón é a única unitaria que permanece en activo no municipio desde a súa creación no ano 1957 e está adscrita ao CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios. "Trátase dunha escola familiar, con 41 crianzas matriculadas actualmente, e que destaca pola súa educación en valores e o seu estreito contacto coas familias, coas que ademais comparten semanalmente tempo na súa propia biblioteca e en diferentes festas e excursións", destacan. O seu profesorado, entre os que se atopan diferentes especialistas, "desenvolve unha pedagoxía innovadora, traballando por proxectos e prestando especial atención á horta escolar e á praia situada a escasos metros. Para facilitar a conciliación dispón de servizo de madrugadores, 3 liñas de transporte escolar e a posibilidade de que coman no CEIP Arquitecto Palacios, que goza de cociña propia". O obxectivo da dirección do centro é que o alumnado medre en contacto coa natureza nun ambiente de afecto e confianza e achegando unha educación experimental, creativa e vivencial na que destacan metodoloxías como a Montessori, Waldorf ou as matemáticas manipulativas. Todas estas características, "xunto a auténtica vocación e entrega do seu profesorado e o marabilloso resultado nas crianzas, fan da E.I. ‘As Dunas’ unha digna merecedora do ‘Premio Nigrán ao Mérito Educativo 2023’".
Premio empresarial
‘A Tenda de Lila’. Este pequeno comercio de alimentación do barrio de Area (Praia América) foi aberto hai algo máis de medio século por Lila González, falecida o ano pasado aos 88 anos, e quen lle cedeu pronto o testigo da tenda a súa nora Delia Méndez, quen se xubila neste mes de marzo e pecha tras 40 anos detrás dos mostrador e sen relevo xeracional para continuar. "Nacida orixinalmente coma un quiosco de prensa, o negocio foi diversificándose ata o día de hoxe, que vende de todo pero destaca especialmente o consumo de froita e de periódicos", indica o Concello. Os veráns multiplican o traballo ao gañar residentes na zona aínda que conta cunha clientela fiel durante todo o ano e de toda a vida. "Delia destaca como desde o mostrador foi coñecendo xa a tres xeracións de veciños e visitantes que nunca abandonaron o establecemento pese a apertura de moitos supermercados. Con 66 anos cumpridos, Delia decide xubilarse en marzo e pechar a tenda para poder ao fin descansar. O Concello de Nigrán desexa render homenaxe a este negocio histórico na súa despedida e, particularmente, aos seus donos, por facilitarlle a vida aos veciños de Praia América", sinalan.
Premio cultural
A ‘Rondalla de Santiago de Parada’ foi fundada no ano 1993 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia de Parada e baixo a dirección de Plácido Salgueiro Méndez, contando nese momento con 84 compoñentes. A súa actividade interrumpiuse no ano 1997 e se retomou novamente no ano 2007, estando na actualidade vinculada ao Centro Cultural Parada do Miñor e sendo presidida por David Costas. "Trátase da única rondalla do municipio e coa súa característica capa azul petróleo e ouro representan a Nigrán en certames de toda a provincia e mesmo fora dela, onde estas formacións folclóricas tradicionais do Nadal das Rías Baixas non son coñecidas". Outra das súas particularidades é que está "dirixida por unha muller moi nova, Antía Figueroa Vila, practicamente unha excepción no mundo das rondallas". Actualmente a forman 67 persoas de toda a comarca cuxas idades van desde os 4 aos 80 anos que se xuntan a partir de setembro para adestrar todos os sábados". Con este premio, o Concello quere recoñecer a súa indubidable calidade artística e o esforzo dos veciños de Parada para manter viva esta tradición tan propia da comarca ao tempo que lles agradece públicamente o labor de promoción do municipio.
Premio deportivo
A Sociedad Atlética Val Miñor foi fundada no ano 1994 en Gondomar por recoñecidos deportistas do atletismo vigués que desexaban crear canteira na comarca e facilitar así a súa práctica. A Sociedade está presidida por Guillermo Martínez e a conforman a día de hoxe 120 atletas de todo o Val Miñor desde os 4 aos 60 anos e tres adestradores, entre os que se atopa Óscar Fernández con licencia nacional. "Xunto co Concello de Nigrán organizan a proba popular ‘Nigrán Area’ que cada verán reúne a milleiros de corredores na ribeira de Praia América coa marea baixa. A base de adestramentos, ademais de Gondomar, inclúe en Nigrán o Pavillón Municipal de Panxón, Porto do Molle ou Praia América no verán e, en Vigo, as pistas de Balaídos e da Universidade. Entre os seus canteiráns máis destacados figuran Ainhoa Reparaz (campiona de España sub-18 en 100 metros ou bronce por relevos en Europa), Ricardo Cortizo (ouro en 400 metros no campionato galego) e Adrián Bernárdez (subcampión galego en 100 e 300 metros)". O Concello de Nigrán desexa con este premio recoñecer o traballo da SA Val Miñor de "promoción e consolidación do atletismo entre a mocidade da comarca, conquerindo en menos de 20 anos ser un dos mellores clubes de toda Galicia e recoñecido a nivel nacional".